O Pen Clube reunirá en Compostela a medio cento de escritores internacionais

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

24 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Converter a Santiago nunha cidade internacionalmente literaria é o obxectivo do I Encontro Internacional de Escritores que o Pen Clube porá en marcha entre días 14 e 16 de decembro na capital de Galicia. é o título deste encontro presentado onte por Luís González Tosar, presidente do Pen, e pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, cun argumento e uns contidos que pretenden debater sobre a situación de Europa e Iberoamérica desde máis perspectivas que a literaria e coa participación de medio cento de escritores iberoamericanos. A lista de escritores foi presentada onte, aínda que non detallando en que actividades, charlas e mesas redondas participarán cada un deles. Nélida Piñón abrirá a xornada inaugural e teñen confirmada a súa participación os escritores lusófonos Jõao de Melo, Jose Bento, Mia Couto ou Mario Claudio. En lingua castelá estarán presentes os hispanoamericanos Sergio Ramírez, Antonio Skármeta, Alfredo Bryce Echenique, José Emilio Pacheco, Ana María Matute, Francisco Brines ou Carme Riera, entre outros. É posible que se sume ao listado o poeta arxentino Juan Gelman. A nómina galega é ampla, desde Xohana Torres a Olga Novo, desde Méndez Ferrín a Daniel Salgado, con nomes como Alfredo Conde, Xosé Fernández Ferreiro, Luz Pozo, Xavier Alcalá, Bieito Iglesias, Suso de Toro, Manuel Rivas, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xesús Fraga, Víctor Freixanes, Tucho Calvo, Darío Xohán Cabana ou Luisa Castro, entre outros. Segundo Tosar, a intención do encontro, «que non congreso», é facilitar o debate literario entre «distintos xéneros e distintas xeracións e tratar argumentos que afectan á vida literaria». O encontro conta co apoio de Cultura, o Consorcio de Santiago e mais a Unesco, o que permitirá facer unha declaración de escritores ao seu remate que se coñecerá como Declaración de Santiago.