Arteta e a Sinfónica de Galicia gravan a música de «De profundis»

Camilo Franco REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Nani García compuxo unha banda sonora que incorpora unha letra da poeta Eva Veiga A longametraxe de animación de Miguelanxo Prado estrearase o vindeiro 18 de outubro

24 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A voz de Ainhoa Arteta porá fin esta tarde á gravación da banda sonora da película De profundis , primeira longametraxe de animación do debuxante Miguelanxo Prado. A Orquestra Sinfónica de Galicia completou onte a última das seis sesións de gravación da música composta por Nani García para esta película con historias e paisaxes submarinas. O compositor supervisou onte nos estudos Mans a gravación da parte fundamental das cordas e mais das madeiras da orquestra e interpretou algunhas partes ao piano. Esta mesma tarde, en San Sebastián, a soprano Ainhoa Arteta gravará en galego a canción principal da cinta, con letra da poeta Eva Veiga. Un tema que, segundo o compositor, «ten como dúas voces, unha cun aire jazzístico e outra un pouco máis lírica». Os responsables da produtora que encabeza este proxecto, Continental, salientaron a importancia que a banda sonora ten para esta longametraxe. Segundo Chelo Loureiro, «hai que ter en conta que nunha película como esta, sen diálogos, a música asume unha parte da capacidade de contar». A responsable da sección de animación de Continental indicou que «é unha banda sonora que ten protagonismo ao longo de case toda a metraxe da película e na que puxemos un coidado inusual para a música de animación». Cerca de corenta músicos da Sinfónica de Galicia completaron a gravación dunha banda sonora que terá outra versión para ser interpretada en directo, acompañando á proxección da longametraxe. Esta versión será ensaiada pola mesma agrupación para a estrea absoluta da película o vindeiro mes, en concreto, o 18 de outubro.