«As favoritas» despídese hoxe coas cancións preferidas dos convidados

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

QUIQUE FIDALGO

O musical, que substituíu a «Luar» durante o verán, abandona a TVG coa nova tempada Ana Kiro, Camilo Sesto e Siniestro Total son algúns dos artistas que actuarán na derradeira edición

14 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O musical máis orixinal da Televisión de Galicia, As favoritas, substituto de Luar durante o verán, chega esta noite ao seu fin. Como colofón, o programa emitirá hoxe en horario de máxima audiencia, a partir das dez da noite, unha selección das cancións favoritas dos convidados habituais; dos 25 famosos -dos ámbitos da vida galega máis dispares- que cada venres foron acollidos no grande vinilo do programa para divertir ao público cos seus recordos e comentarios musicais. No espazo producido por Voz Audiovisual soará, entre outras melodías Forever and ever de Demis Roussos. A canción que deu título ao disco foi un éxito mundial e todo un clásico do que se chegaron a vender máis de 12 millóns de copias. Despois de varias aparicións no espazo, Ana Kiro tamén estará presente na última edición deste musical, interpretará Galicia, terra meiga. Foi en 1974 cando a artista decidiu adiantarse ao seu tempo e facer unha canción lixeira en galego, por iso gravou este tema de Manuel Muñiz. Outros protagonistas da noite na TVG serán Chayanne, coa tan bailada Salomé, e Ana Belén e Victor Manuel con Sólo le pido a Dios, unha canción que incluída no álbum Géminis en 1984 e que máis de vinte anos despois aínda permanece na memoria de moitos como unha das súas melodías favoritas. Grandes da música Na noite de despedida, tampouco faltarán I will survive, unha das cancións máis famosas de Gloria Gaynor, nin un dos grandes da música romántica española, Camilo Sesto, que interpretará Vivir así es morir de amor, unha auténtica xoia para os incondicionais do polifacético artista. Outros que repiten no programa son Siniestro total, un dos grupos de rock máis importantes da historia da música en Galicia. A banda viguesa nesta ocasión cantará Miña terra galega, tema dos que moitos se atreven a dicir que é o himno galego de tempos modernos; quizá por iso sexa a melodía preferida dun dos convidados do espazo. Estes son algúns dos temas que se escoitarán na última noite de As favoritas, pero non se sabe quen será o persoeiro que, dentro do enorme tocadiscos do programa, presentará cada unha delas. ¿Cal de estas cancións será a favorita de cada personaxe famoso? A primeira tempada deste musical elixido para entreter aos espectadores nas noites dos venres, tivo aceptables rexistros en cuanto a audiencia, pero coa chegada do outono o espazo dá paso a Luar. O programa de Xosé Ramón Gayoso rematou o curso pasado cun interesante 24% de cota de pantalla, cifra nada desprezable despois de 14 anos en antena.