Os novos xuíces honorarios darán pulo ás tradicións culturais do Couto Mixto

Jesús Manuel García OURENSE

TELEVISIÓN

SANTI M. AMIL

Carlos Varela García, Alfonso Sobrado Palomares e Sergio Álvarez Álvarez son os nomeados O acto celebrouse na igrexa cabeceira do pequeno territorio independente ata 1864

08 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai no sur de Ourense tres pobos, Santiago, Rubiás e Meaus, pertencentes aos concellos de Baltar e Calvos de Randín, pero que desde o século XII ata 1864 formaron o que aínda hoxe se chama o Couto Mixto, que foi un territorio de carácter político-administrativo complexo no que os seus habitantes podían escoller a nacionalidade española, portuguesa ou ningunha. O Couto Mixto dependía da Casa de Braganza, logo tamén da de Monterrei e do Bispado de Ourense, no relixioso. Ademais de escoller nacionalidade, tiñan dereito de asilo e exención de aportar homes ao Exército. O Couto Mixto contaba con autogoberno democrático e os seus cidadáns non participaban nos plebiscitos de España nin de Portugal. Tampouco pagaban impostos a estes reinos e disfrutaban do dereito ao libre comercio. Non empregaban papel oficial nin cédulas persoais, tiñan liberdade de cultivos, podían mercar e vender nas feiras galegas e lusas, e contaban co Camiño Privilexiado ata Tourém, fóra da influencia dos dous países. Todo aquilo veuse abaixo co Tratado de Lisboa de 1864. Gobernaba o Coto Mixto un xuíz por tres anos auxiliado por seis homes de acordo, dous por cada parroquia. O xuíz era a máxima autoridade do lugar. As reunións gobernativas facíanse no adro da igrexa de Santiago, onde onte se celebrou o acto de nomeamento de tres xuíces honorarios pola Asociación dos Amigos do Couto Mixto. A súa responsabilidade é promocionar a tradición cultural rica dunha república esquecida que hoxe podería ser outra Andorra. Atributos Son novos xuíces honorarios Carlos Varela García, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Alfonso Sobrado Palomares, director da Casa de Galicia en Madrid, e Sergio Álvarez Álvarez, home de acordo do Couto Mixto. Cada un recibiu unha réplica das chaves coas que se abre o arcón que custodiaba os documentos do Couto na igrexa de Santiago ata que foron queimados polas tropas francesas de Soult. O arcón ten que ser aberto por tres homes de acordo. Tamén recibiron un diploma e o bastón de xuíz. Un gaiteiro recibiu aos nomeados co Hino do Antigo Reino de Galicia e o guitarrista Tomás Camacho tocou tres pezas. «Para min este nomeamento é unha grande honra, pola conmemoración da tradición deste Couto Mixto que se remonta ao século XII época na que as fronteiras estaban esvaídas e que tiña unha serie de privilexios», sinalou Carlos Varela. Alfonso Sobrado Palomares, veciño do Couto, lembrou o recordo infantil de escoitarlles a uns amigos de seu pai que o Couto non seguiu sendo principado «porque non tiñan cartos para manter un príncipe». Sergio Álvarez agradeceu emocionado o nomeamento ante unha igrexa ateigada de público chegado de toda Galicia. Os discursos foron introducidos no arcón, pechado e retirado á sancristía entre aplausos. Asistiron representantes dos Gobernos central e galego. O vindeiro ano reeditarase a Historieta del Coto Mixto , obra de Delfín Modesto Brandón, no ano 1907, que foi un dos últimos xuíces gobernantes deste territorio. E o alcalde de Andorra la Vella amosou o seu interese en visitar esta república dos soños.