A literatura galega renova o seu interese pola novela negra

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Varios escritores coinciden na publicación de títulos enmarcados no relato policial As achegas ao xénero van dende o respecto das súas regras ata unha visión máis persoal

18 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Nivardo Castro, Gumersindo Nespereira, Frank Soutelo, Horacio Dopico, Leo Caldas, Toni Barreiro... Os propietarios destes nomes carecen de documentos de identidade ou pasaporte, pero existen: detectives, inspectores ou policías, viven na imaxinación dos autores que os crearon e dos lectores afeccionados a un xénero literario, o da novela negra. Con achegas como as de Carlos G. Reigosa, Aníbal Malvar ou Bieito Iglesias, a novela negra é xa un xénero con tradición nas letras galegas. Pero en tempos recentes hai unha nova achega ao relato criminal por parte de autores que lle fan un oco, de maior o menor tamaño, dentro da súa produción. Miguel Anxo Fernández, Diego Ameixeiras, Xoán Ramón Díaz, An Alfaya, Domingo Villar ou Manuel Forcadela son algúns dos escritores que nos últimos meses publicaron obras do xénero ou van entregar no prelo novos títulos. O detective é o rei As perspectivas son tan diferentes como os autores. Hai quen se achega ao xénero dende o respecto ás súas convencións, tamén hai quen as subvirte. A maioría ambientan os seus casos en Galicia, aínda que tamén hai quen prefire os Estados Unidos. Iso si, o detective ou o inspector segue sendo o personaxe estrela. No que si coinciden é na vocación: nótase nas páxinas que o xénero engancha. «Para min é un divertimento», explica moi graficamente Miguel Anxo Fernández, quen botou a andar ao inspector Frank Soutelo, norteamericano descendente de emigrantes galegos, en novelas como Un nicho para Marilyn (Galaxia). Mentres a maioría dos escritores sitúan a acción dos seus relatos en Galicia, Fernández foise a Los Ángeles. «Eu concibo estes libros como unha homenaxe ao cine e a novela negra americanos», di o autor, quen xa vai dar ao prelo unha nova entrega de Soutelo, Luar no inferno . «Pero despois de resolver tres casos nos Estados Unidos, está previsto que Frank Soutelo veña á terra dos seus pais e aquí enfrontarase a outros tres casos, que darán lugar ao que chamo a triloxía galega», avanza Miguel Anxo Fernández. Outro escritor que bebe nas fontes clásicas do xénero é o vigués Domingo Villar, co seu Ollos de auga (Galaxia) recén chegado ás librerías. Aquí a ambientación é galega -illa de Toralla, a vista dende o Castro, xantar de percebes-, pero a novela trae consigo o recendo norteamericano: un saxofonista morto, cancións de Billy Holiday, velenos, un inspector duro e silandeiro -Leo Caldas-, fronte ao seu encirrado axudante... Ollos de auga respecta as convencións da novela negra pero trasladada a Galicia, aínda que a novela se constrúe sobre o suspense e a caracterización dos personaxes.