Carlos Blanco presenta e dirixe o primeiro «late night» da TVG, «Somos unha potenzia»

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

09 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?esde o vindeiro luns, a Televisión de Galicia ofrecerá cada noite do primeiro día da semana un repaso singular, irónico e sarcástico e algo gamberro daquelas cousas nas que Galicia pode considerarse unha potencia mundial. Presentado e dirixido por Carlos Blanco, Somos unha potenzia é o primeiro late night que emite a galega nun horario considerado de prime time . O show que conducirá Blanco será temático semana por semana, con público en directo, e seccións desde as que afrontar con ironía algunhas das particularidades galegas, as da actualidade e as outras. Producido por Filmanova tras a idea inicial de Blanco e Antón Reixa, o programa terá unha duración de 75 minutos e segundo o seu presentador «é posible que no estético lembre a Sitio distinto , pero argumentalmente non ten nada que ver». Entre as seccións de Somos unha potenzia , a primeira delas é a que se ocupa de explicar cal sería o labor dun corpo de espías galegos, como os que toda potencia mundial ten que ter. Ademais dun monólogo final no que Carlos Blanco fai labores sarcástico-editoriais sobre o argumento da semana, haberá atención para as clases pasivas que se resisten a deixar o sofá ou para o que o guión do programa denominado Desencontros , aqueles galegos do exterior que non teñen gañas de volver a Galicia. Desde a conciencia de ser unha potencia das ideas, o programa inclúe o que recomendan alcaldes galegos aos das grandes cidades do mundo. Un repaso a Internet e dúas espectadoras que van facendo comentarios sobre todo o que acontece no programa completan unha oferta que, segundo Blanco, comezou «como un programa de prime time pero foi evolucionando cara a algo un punto máis gamberro, máis propio dos espectáculos de noite». O programa se realizará en directo despois do verán.