A Feira do Teatro cambia de nome para ampliar os seus contidos e xéneros

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

A cita profesional galega inclúe danza, espectáculos multidisciplinares e unha exposición Arredor de 150 programadores, invitados ás representacións das 27 compañías presentes

05 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? que ata este ano era a Feira do Teatro Galego amplía os seus territorios de exhibición e cambia de denominación para chamarse Feira das Artes Escénicas de Galicia. A cita organizada polo Igaem manterá igualmente o seu carácter profesional e servirá de escaparate para unha grande parte do que en Galicia se produce para os escenarios. A danza e os espectáculos multidisciplinares sumáronse nesta edición ao núcleo teatral da feira para ofrecer un panorama máis completo e, segundo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, «incorporar de xeito decidido á oferta escénica do país». As cifras da feira, que se celebrará en sete espazos composteláns entre o 13 e o 17 de xuño, inclúe 27 compañías, das que 21 son galegas e entre as outras seis hai grupos procedentes doutras comunidades e grupos internacionais. O director da feira, Víctor Carbajales, indicou que «se conseguiu incorporar ao teatro portugués á programación cunha compañía de referencia: Chapitô, que actuará na sala Nasa, o xoves 15». Os arredor de 150 programadores convidados a participar nesta cita evidencian o carácter profesional da mesma, orientado, segundo Miguel Martín, xerente do Igaem, a ofrecer «un panorama completo das artes escénicas galegas e para servir de espazo de encontro e debate sobre o sector». Ademais da programación escénica, nas actividades previstas para esta edición figuran presentacións e encontros matinais que se desenvolverán na Fundación Torrente Ballester e que teñen a pretensión de ampliar as posibilidades de encontro entre os programadores e as compañías. No que segue a ser o centro da Feira, os espectáculos teatrais, Víctor López Carbajales sinalou algunhas das liñas principais de contratación de compañías para a feira. Ademais da incorporación da danza e dos espectáculos destinados ao público infantil, indicou: «Este ano prestamos atención á dramaturxia galega contemporánea e na programación pódense ver dous textos premiados de Antón Lopo e Gustavo Pernas». Entre as novidades desta edición, o director da feira indicou que dous espectáculos «que non son puramente escénicos como os de Ludd e Ópera off abren as intencións da feira cara a outros fenómenos escénicos». A presenza das liñas principais de produción galega quedan reflectidas, segundo o director, en compañías como Lagarta Lagarta, Talía, Noroeste, Ningures, Sarabela, Sapristi, Atlántico ou Galileo. Debutarán na cita D2 coa súa primeira montaxe e Teatro Ensalle que acaban de producir a súa primeira montaxe en galego. Haberá tres compañías de danza radicadas en Galicia, Nova Galega, Disque e Experimenta, para demostrar, segundo Bugallo, que hai movemento na danza galega e que o que precisa é darse a ver. A feira ofrecerá este ano unha exposición na que se recolle material escénico desde o barroco e que pretende ser un repaso dalgúns dos materiais teatrais paralelos e que, segundo o director, quere engadirlle á feira unha dimensión que amplíe o territorio escénico.