O PEN Clube de Galicia entrega mañá en Santiago os premios Rosalía de Castro

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

23 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Os premios Rosalía de Castro, que este ano chegan á súa sexta edición, entréganse mañá en Santiago de Compostela. Nesta ocasión, os galardóns que concede o PEN Clube de Galicia, distinguiron a traxectoria de Isabel Allende, a portuguesa Agustina Bessa-Luís, Josep Palau i Fabre e Arantxa Urretabizkaia. Os galardóns concédense a escritores de catro sistemas literarios: español, portugués, catalán e éuscaro. O acto celébrase mañá, a partir das 20.30 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago; a entrada é libre. Ademais dos autores galardoados, estarán presentes a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o reitor da Universidade, Senén Barro; e o presidente do PEN galego, Luís González Tosar. A mantedora do acto será a escritora Marilar Aleixandre. Diferentes xeracións Os catro galardoados pertencen a diferentes xeracións literarias, pero a súa obra é representativa do seu tempo e o lugar do que proceden. Isabel Allende é a escritora latinoamericana máis lida, con títulos como La casa de los espíritus ou Los cuentos de Eva Luna . Bessa-Luís está en posesión do premio literario máis prestixioso de Portugal, o Camoes, mentres que Josep Palau i Febre ten, entre outros, o Premio Nacional de Narrativa. Arantxa Urretabizkaia, narradora e xornalista, é membro da Academia da Lingua Vasca.