O audiovisual galego apoia a colección Galicia de Cine de La Voz

La Voz LA VOZ | A CORUÑA

TELEVISIÓN

Directores, produtores e actores asistiron á presentación na Coruña da serie Ánxela Bugallo lembrou a Chano Piñeiro e fixo unha decidida aposta pola industria da arte.

10 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

La Voz presentou onte a súa colección Galicia de Cine, nunha cerimonia á que asistiu o mundo do audiovisual galego. Presentado por Uxía Blanco, o acto contou coa presenza da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; o director xeral da Radio Televisión de Galicia, Benigno Sánchez, e o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, que se dirixiron ao publico para destacar a importancia que esta iniciativa ten para a cultura galega. A actriz Uxía Blanco dixo que a colección en DVD permitirá gozar sen límite daquelas películas que xa pecharon o seu camiño pola gran pantalla ou das series de éxito que deixaron de emitirse e que o público leva na memoria. Ánxela Bugallo quixo lembrar unha frase do desaparecido director galego Chano Piñeiro, que resume a súa teima: «Facer cine en Galicia é posible. Facer cine en galego é necesario». A conselleira destacou que «hoxe en día Chano Piñeiro sería feliz, porque os seus desexos son xa unha realidade». Esa meta que perseguía o director galego «é algo inmediato». Para Ánxela Bugallo, «a normalización do audiovisual galego, con ollada propia, é algo que está aí, e que con proxectos como o de La Voz de Galicia está aínda máis preto». Difusión A conselleira de Cultura agarda que esta colección, que a partir do próximo domingo comezará a entregarse xunto co xornal, «deberá ir maís alá do noso país e chegar aos centros da emigración para que se socialice ao máximo o produto cultural que se fai en Galicia». A conselleira aproveitou para anunciar que, dende o Goberno galego, se apoia a industria cultural galega, que é «viva e rica»; de aí que dende a súa responsabilidade se empeñe en proporcionar «todas as ferramentas necesarias para poñer en valor iniciativas como Galicia de Cine». O director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, destacou que a pretensión do diario con esta colección é a de «poñer en valor a cultura galega e en concreto o audiovisual». Utilizou a enquisa que La Voz e a súa edición dixital dedica estes días a elixir a palabra máis fermosa do galego para emitir a súa: «Paixón, porque paixón polo noso é o que queremos facer con esta colección». Pola súa parte, o director da Radio Televisión de Galicia, Benigno Sánchez, destacou «a importancia estratéxica para o noso país do audiovisual galego, por empregos, presupostos e medios». Tamén quixo deixar claro o papel da televisión que dirixe, «non só por formar parte de ese sector, senón polo que loitamos por el». Benigno Sánchez afirmou que dende San marcos «saen centos de ideas e creatividade, onde día a día se van sumando proxectos». E como exemplo, puxo un dato enriba da mesa: «Neste ano investiremos 36 millons de euros para o audiovisual, con independencia da produción propia». Por último, agradeceu o esforzo de La Voz con esta colección, xa que «sinerxias como esta, con participación do sector privado e público, son as que xustifican que as cousas se están facendo ben». Para rematar a cerimonia, a presentadora e actriz Uxía Blanco presentou unha curtametraxe dirixido por Marcos Nine sobre «o pai do cine en Galicia, José Ernesto Díaz Noriega».