Ramón Villares será elixido hoxe presidente do Consello da Cultura

La Voz C. P. | SANTIAGO

TELEVISIÓN

O catedrático e historiador é o único candidato que concurre A decisión será adoptada por maioría simple do pleno da institución, de 26 membros

19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e ex reitor desta mesma institución académica Ramón Villares vai ser elixido hoxe, se nada raro o impide, presidente do Consello da Cultura Galega. O historiador é o único candidato que se presentou á renovación no cargo que ocupa Alfonso Zulueta de Haz, que remata o período de catro anos de mandato. A elección do que será o quinto presidente da institución cultural terá lugar nun pleno extraordinario convocado para as sete do serán. Vai ser elixido por votación secreta dos membros do plenario, constituído por quince persoas que representan a outras tantas entidades e institucións culturais galegas, e por dez persoeiros destacados de diferentes ámbitos da cultura elixidos polo pleno. A estes 25 integrantes súmase como membro de pleno dereito a persoa que ocupa a Consellería de Cultura, cargo que neste goberno ostenta Ánxela Bugallo. O candidato necesita maioría simple para saír elixido presidente, se ben ten que ser nomeado por decreto da Xunta de Galicia a proposta da conselleira de Cultura. Mentres tanto, seguirá ocupando o cargo en funcións Alfonso Zulueta. A quinta persoa que estará á fronte do Consello da Cultura Galega vai ser, ademais, a primeira que non ten opoñente para a elección. Agás para o primeiro mandato na presidencia, que ocupou ate o seu pasamento Ramón Piñeiro, e no que agora remata Zulueta de Haz, que ocupou tralo repentino falecemento do escritor Carlos Casares, os outros dous presidenten gañaron por unha diferenza duns poucos votos. A Ramón Piñeiro, que fora reelixido unha vez e que faleceu durante ese segundo mandato, sucedérao Xosé Filgueira Valverde, que disputara o cargo con Xaime Isla, o que se impuxo por un voto. O seguinte presidente foi Carlos Casares, que tivo de contrincante a Antonio Fraguas. Casares fora reelixido por unanimidade do pleno para un segundo período na presidencia do Consello da Cultura, e quedábanlle dous anos para rematala cando morreu. Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) leva apenas dous anos sendo membro do Consello da Cultura, no que é responsable da sección de Emigración. Foi elixido polo pleno para o sector de persoeiros relevantes, e ocupando o posto que deixou vacante Xosé Ramón Barreiro Fernández cando, tralo pasamento de Carlos Casares, pasou a exercer a representación da Real Academia Galega.