INTERFERENCIAS | O |
03 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.CONTRA da crenza xeralizada e mesmo do que era norma ata agora, o Nadal xa non é tempo de cine. Entre outras cousas porque a audiencia máis nova dispón de alternativas que considera máis gratificantes e a restante non está polo labor de revisar filmes mirados previamente nas pantallas ou no DVD. Agás, claro, un blockbuster de Hollywood, que sempre fai boas cifras. Para mostra, o deste ano, de cine escaso para botar foguetes. Así e todo, a excepción foi a TVG, que á parte de emitir en diferentes horarios xoias como Conspiración de silencio, Sorrisos e lágrimas ou Que fermoso é vivir, preparou para as tardes unha selección de clásicos de aventuras sen desperdicio e que remata mañá con A muller pirata . Houbo filmes memorables como A súa maxestade dos Mares do Sur, Os cabaleiros do rei Artur, O señor de Ballantry, Os contrabandistas de Moonfleet ou Kim da India. Seica non fixeron as cifras de audiencia agardadas, o que avalía unha das conclusións do I Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual celebrado en Compostela: urxe unha pedagoxía cinematográfica desde a televisión. O sucedido co medio en España nos últimos anos, de absoluta degradación dos contidos en función dunha mal entendida política de entretemento e diversión, trae isto como consecuencia. Pais, educadores do audiovisual e responsables do medio, deberían comezar a reflexión con urxencia.