La Voz ofrece mañá a novela «Un conto de Nadal», de Dickens

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O libro e a súa sentencia moral convertéronse nun clásico imprescindible das festas navideñas O volume poderá conseguirse co xornal por un euro máis o cupón no lombo do diario

20 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai libros que enchen as tradicións e que, en certo sentido, teñen un carácter como o das celebracións gastronómicas de temporada. Se non se len no seu tempo, parece que falta algo. Non ler Un conto de Nadal por estas datas sería tanto como pasar sen turrón. Charles Dickens escribiu un conto con moralina, exemplificador e quizais menos inocente do que aparenta, que La Voz entregará mañá por un euro a maiores do prezo do xornal, máis o recorte da etiqueta do lombo. Un conto de Nadal é un libro no se que mesturan a realidade e a fantasía. Un libro cun personaxe que desde o escritorio de Dickens chegou a ser interpretado nos contos televisivos que os Teleñecos adaptaban para Barrio Sésamo. Scrooge é un personaxe moi práctico visitado polos espíritos. Sérvelle ao escritor para facer a contraposición de dous mundos, un directamente influído polas cousas materiais, e outro, polas crenzas e os espíritos, no que pesa especialmente o espírito do Nadal. Dickens asegura no prefacio a esta parábola que non pretende que se moleste ninguén pola historia que conta, unha intención que define como «a pantasma dunha idea» para ir explicando como se vive o Nadal en distintos puntos do seu país. Ademais, Dickens inicia unha tradición que se foi estendendo por distintos xéneros narrativos, do teatro ao cine, que ten como protagonista a algún tipo de personaxe oposto á celebración do Nadal e que, despois dunha visita do seu espírito, acaba por ser un convencido. Dickens escribiu este libro case como unha panxoliña con máis humor que candor. En realidade, o autor aproveita o conto para ir deixando caer algunhas opinións a propósito de cousas que pasaban na época e nas que o escritor estaba posicionado, como unha lei para a observancia do descanso dominical por parte dos panadeiros. Con sentido do humor singular aborda o escritor inglés o carácter dos personaxes que van atravesando por todas as páxinas do libro. Personaxes humildes e, nos máis dos casos, enxebres. Todos eles descritos na súa circunstancia máis ben escasa, pero todos con ese punto de forza vital que os mostra dispostos a vivir e non a deixarse levar polo peso das cousas materiais. Neste sentido, esta obra de Dickens quizais sexa menos detallista en canto ás descricións da paisaxe humana e social da súa época e, sen embargo, hai algo no xeito en que o escritor vai contando a historia, algo na síntese que fai dos seus personaxes, que acaba por ser ilustrativa dunha época da que o escritor inglés foi o mellor fotógrafo. Mellor incluso que as aventuras cinematográficas que acaban, ao xeito barroco, recreando un millón de detalles que forzan a máquina do visual e que no fondo falsean un tanto a verosimilitude ou o realismo que para Dickens estaba tan claro.