La Voz ofrece mañá a novela de Graham Greene «O terceiro home»

O libro foi escrito como base para a célebre película protagonizada por Orson Welles O volume pode adquirirse por un euro ademais do cupón que figura no lombo do xornal


la voz | redacción

Un tópico di que unha adaptación cinematográfica nunca supera en calidade ao libro que toma como referencia. Un tópico desmentido por filmes brillantes e novelas mediocres, e viceversa. Neste xogo de palabras e imaxes o único seguro é que ambas as dúas artes manteñen unha relación de influencia mútua: as obras literarias son unha boa materia prima para o cine, mentres que as películas deixaron unha pegada fonda no estilo de moitos escritores.O cine e os seus cheques con cifras de moitos ceros tamén foron un efectivo para escritores consagrados como William Faulkner ou Tennessee Williams, que aceptaron traballos como guionistas en Hollywood. O británico Graham Greene tamén tivo unha colaboración fértil coa sétima arte e O terceiro home é unha boa proba. Greene recibiu a encarga de preparar un guión para ser filmado por Carol Reed. Pero, como el mesmo admitiu, non podía traballar directamente neste formato, senón que precisaba dar forma á súa historia como unha narración. Para comezar O terceiro home , Greene tampouco tiña moito material, tan só un parágrafo no que relataba o asombro dunha persoa ao cruzarse na rúa a un amigo que cría morto, xa que presenciara o seu enterro só uns días antes. Mais Greene, un dos escritores máis prolíficos do século XX, tiña imaxinación dabondo para construír unha orixinal historia, ambientada nunha Viena de posguerra que sería o marco perfecto para describir con luces e sombras as ameazas e perigos que se agochaban nunha capital repartida por catro potencias. A relación que se establece entre dous vellos amigos marca tamén os dilemas de carácter moral que están presentes na obra. Se o fin xustifica os medios podería ser a dúbida que resume o espírito que quería trasladar Greene, pero introduciu numerosos matices e cuestións que fan de O terceiro home unha obra única. Albiscar a verdade entre tanta confusión é a tarefa dun protagonista desorientado, como todo o mundo despois dunha terrible guerra, e que vive o seu desacougo na decepción que provoca nel o comportamento do seu amigo. Escrita cun estilo áxil, propio da novela negra, O terceiro home propón unha reflexión que tamén debe de estar presente nestes días. La Voz ofrece mañá aos seus lectores O terceiro home , nunha tradución ao galego por María Dolores Martínez Torres. O prezo do libro é dun euro e os lectores de fóra de Galicia poden encargar o seu exemplar chamando ao número de teléfono 902 15 42 18.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

La Voz ofrece mañá a novela de Graham Greene «O terceiro home»