La Voz entrega mañá «Galicia vista por un inglés», de Aubrey F. G. Bell

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

A obra recolle as impresións dunha viaxe do escritor nun verán dos anos vinte O volume pode adquirirse polo prezo dun euro máis o cupón que figura no xornal

01 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Galicia recibiu e recibe aínda un grande número de visitantes, atraídos pola paisaxe, a cultura, ou os costumes. Moitos destes viaxeiros sentiron tamén a necesidade de poñer por escrito as súas impresións. Algúns só retrataron unha visión superficial da realidade galega, outros non recolleron máis que tópicos. Pero houbo algúns que se interesaron de verdade polo que era Galicia e tiveron a intelixencia de contalo con xeito. Un destes viaxeiros foi Aubrey Fitz Gerald Bell. Bell, un namorado das culturas ibéricas, dedicou todo un verán a coñecer Galicia. Eran os anos vinte, un tempo no que as comunicacións non eran boas, a meirande parte do país vivía no rural e a cultura tradicional era dominante. Bell tivo agudeza dabondo para captar moitos dos trazos galegos que se lle escaparan a visitantes anteriores e que aínda lles pasan inadvertidos a moitos na actualidade. Galicia vista por un inglés divídese en dúas grandes áreas: un bloque de seis capítulos, dos que catro se centran en cada unha das provincias, mais outros dous titulados A xente e O país . A segunda parte está formada por apéndices nos que se dá conta de manifestacións literarias, como a lírica medieval, as coplas populares e os poemas do século XIX, ademais de achegar unha bibliografía e un vocabulario galego-inglés. Bell anota cuestións como o peso da relixión na conduta de moitos galegos, a influencia da emigración nos costumes e mesmo na fala, o minifundismo e a política do momento. Aubrey F. G. Bell debía de ser un gran observador, como proba esta frase: «Malia seren individualistas en cuestións de propiedade, os galegos a miúdo semellan unha raza gregaria xa que van xuntos ao mercado, á feira, á peregrinaxe e á procesión relixiosa». Ou estoutra, que ben podería ser de hoxe mesmo: «Toda a autonomía do mundo halle valer a Galicia, pero pouco se perde a súa cerna, se rexeita os seus vellos costumes e tradicións, se os seus máis ricos propietarios están ausentes e os enriquecidos 'americanos' volven dispostos a desfacerse da tradición e das peculiaridades rexionais». La Voz entrega mañá Galicia vista por un inglés , en tradución de Xosé María Gómez Clemente polo prezo dun euro mais o cupón que figura no lombo do diario.