La Voz ofrece mañá unha selección dos mellores contos de Edgar Allan Poe

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

JOSÉ A. BEIRO

«A caída da casa Usher» e «Os asasinatos da Rue Morgue» son algunhas das súas alfaias O volume pode adquirirse por un euro ademais do cupón que figura no lombo do xornal

25 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai autores que parecen estar á altura do misterio que se desprende da súa literatura. Sen dúbida, acontece así no caso do norteamericano Edgar Allan Poe, un escritor que deixou algunhas obras mestras do relato curto e ao que a lenda rodea mesmo despois de morto. En 1949, cen anos despois da morte do escritor, o día do seu aniversario, o 19 de xaneiro, unha figura escura apareceu pola noite no cemiterio onde repousan os seus restos. Sobre a tumba deposita, ano tras ano, unha botella de coñac -mediada- e tres rosas. Esta ofrenda aínda marabilla aos afeccionados e estudosos da vida e obra de Poe. O coñac parece unha rara elección, xa que non está presente nos seus escritos, como si o está o amontillado; as tres rosas semellan ser un recordatorio para o escritor, a súa dona e a súa sogra, que están enterradas con el. Varias destas botellas de coñac poden verse no museo dedicado a Poe. Os extraordinarios relatos que deixou este escritor seguen acadando novos lectores co tempo. Un mestre da distancia curta -os seus contos son xoias da brevidade, a ambientación, a sorpresa-, Poe tamén cultivou a poesía. É lembrado, sobre todo, por introducir elementos do estraño na vida cotiá, o que produce como resultado unha sensación de desacougo, cando non medo ou directamente terror. Non é aventurado dicir que Poe é un dos escritores máis lidos das últimas décadas, aínda que moita da súa obra foi publicada en revistas e xornais, polo que é difícil facerse unha idea de todo o que saíu da súa pluma. Pero as antoloxías dos seus contos non deixan de reimprimirse, e a súa pegada chega a ámbitos que exceden con moito a literatura. Hai uns anos, o músico Lou Reed asinou un espectáculo e un disco co título de POEtry, moi influído pola estética do autor. Por citar un caso totalmente oposto, a película O corvo , protagonizada por Brandon Lee, participa dese mesmo imaxinario. Xa no estritamente literario, hai sociedades dedicadas ao estudo e difusión dos escritos de Poe, que intercambian información e organizan encontros. A Rede é un bo exemplo da súa actividade, xa que as súas páxinas poden contarse por milleiros, dedicadas á analizar polo miúdo non só as súas creacións, senón tamén as súas cartas, episodios da súa biografía ou mesmo a súa árbore xenealóxica. Todo apunta a que a fascinación por Poe e a súa literatura non diminúe; ao contrario, cada día está máis vizosa. Tradución La Voz ofrece mañá na súa Biblioteca Galega de Clásicos Universais un volume cunha selección dalgúns dos mellores contos de Poe, traducidos ao galego polo equipo Tris Tram. O volume pode conseguirse polo prezo dun euro máis o cupón no lombo do xornal.