Os clásicos da literatura son fonte de inspiración para o cine

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

A colección de La Voz inclúe obras que deron lugar a grandes filmes «O terceiro home» ou «Dublineses» están considerados obras mestras no seu xénero

26 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa dende os seus inicios, a industria cinematográfica botou man dos grandes clásicos da literatura universal para inspirarse. As obras mestras foron e son fonte para cineastas, que ás veces acertan e outras erran nas súas versións, porque un clásico presenta facilidades e dificultades: por unha banda hai a certeza de que se trata dunha boa historia, con atractivo, pero, por outra, o risco das comparacións pode ser unha eiva. Na Biblioteca Galega de Clásicos Universais que La Voz ofrecerá aos seus lectores a partir do vindeiro 4 de setembro figuran varias obras nas que se basearon películas; dalgunha delas pode dicirse que está á altura do texto orixinal e, polo tanto, é unha obra mestra da sétima arte. O terceiro home , de Graham Greene, foi levada á gran pantalla por Carol Reed, nun filme que debe boa parte do seu éxito aos actores protagonistas, Joseph Cotten e Orson Welles. Quizais no excelente resultado final tamén influiu o feito de que Greene escribira a historia pensando en que ía ser vista e non lida. Colaboración , que é outra obra mestra tanto da literatura como do cine, non contou coa colaboración entre escritor e cineasta. John Huston colleu un dos relatos da colección de James Joyce, Os mortos , para asinar a que sería a súa última película, pero que foi recibida con entusiasmo pola súa innegable calidade. Hai casos nos que un só libro serve de base para diferente películas. Un bo exemplo é a creación de Mary Shelley, Frankenstein , que coñece numerosas interpretacións. Algúns actores, como Boris Karloff, fixéronse especialmente célebres porque o papel semellaba escrito á súa medida. De Frankenstein pode dicirse que cada xeración cinematográfica tenta apropiarse do mito para construír a súa propia visión. Unha das máis recentes é a do director e actor inglés Kenneth Brannagh, un éxito de público e crítica. A imaxinación de Verne é tan prodixiosa que semella unha fonte inesgotable para o cine; 20.000 leguas baixo os mares trae á memoria o personaxe de Kirk Douglas na súa interpretación do filme. Un clásico das aventuras tamén é Robinson Crusoe , de Daniel Defoe, e que está detrás de ideas como a serie de televisión Perdidos , ademais de incontables películas. Pero un bo libro non garante sempre unha boa película. O director norteamericano Steven Spielberg adaptou A guerra dos mundos de H.G. Wells, con división de opinións acerca do resultado. En todo caso, guste ou non o filme, é seguro que o libro non ha defraudar, porque a súa capacidade para engaiolar lectores está probada dende hai moitos anos.