Carlos Freire gaña o quinto Premio de Novela por Entregas de La Voz

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Xosé Castro

A obra, que se publicará no xornal ao longo do mes de agosto, presentouse baixo o lema «Acio sanguento» O xurado valorou a boa estrutura e a capacidade de «manter o ritmo ata o final»

14 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

«A despedida de solteiro estaba a respectar punto por punto o programa disposto de antemán. Rematada a cea, a comitiva subiu ao microbús que agardaba no aparcamento do restaurante. Os que aínda non estaban borrachos comezaron a entrar en calor cando as botellas de whisky afanadas da mesa botaron a circular entre os pasaxeiros. Alguén repartiu camisetas nas que se vía á noiva perseguindo ao noivo armada co que semellaba unha metralleta ou un bazooka . Sobre este cadro, a lenda: 'Víctima do lume amigo'». Así comeza a obra gañadora da quinta edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, que foi presentada baixo o lema Acio sanguento polo autor pontevedrés Carlos Freire Cordeiro. O galardón fallouse na noite de onte no transcurso dunha cea literaria que reuniu a un cento de escritores e personalidades galegas no Museo do periódico en Sabón. O xurado valorou na obra premiada «a súa boa estruturación e que manteña o ritmo ata o final, acadando o equilibrio en todos os aspectos». O acto comezou cun cóctel de benvida servido nas propias instalacións do museo como prólogo a unha cea na que, ás sobremesas, se deu a coñecer o gañador do premio, que acadou neste ano a máxima participación da súa historia con 25 orixinais presentados. A primeira intervención foi a de Olegario Sotelo Blanco, que presentou a edición que a súa editorial vén de facer de O descenso do derradeiro ocaso , novela coa que Ángel de la Cruz obtivo este galardón o ano pasado. E acto seguido fixo uso da palabra a secretaria do xurado, a profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González, para dar lectura á acta pola que se outorgaba o premio do 2005, dotado con 6.000 euros e a publicación da obra no periódico a razón dun capítulo diario ao longo de todo o mes de agosto. Nunha xuntanza previa, os membros do xurado seleccionaran catro finalistas para a ocasión. Tratábase das novelas tituladas E agora que?, Acio sanguento, As arañas de Berlín e O xuízo de Kaissa . O xurado, do que formaban parte Ángel de la Cruz, como gañador do ano pasado, Xosé Luís Vilela, Ernesto Sánchez Pombo, Tucho Calvo e a xa citada Olivia Rodríguez, tomou a súa decisión por maioría ao entender que «é un relato policíaco con protagonista detective que responde ao modelo clásico representado, por exemplo, por Maigret de Simenon: combina o fio sutil psicolóxico coa ambientación costumista dunha Galicia actual». Logo de recibir o cheque co importe do premio de mans do director de La Voz, Bieito Rubido, o autor pronunciou unhas palabras de agradecemento. Organizado por La Voz de Galicia e Canal Voz, este premio conta coa colaboración da Consellería de Cultura e de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, representado no acto polo seu director, Ramón Pernas.