O documento, o Foro do burgo do Castro Caldelas, está no Archivo dos Duques de Alba Foi achado polo profesorMonteagudo e desdí a crenza de que era a versión do texto en latín
14 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A historia do galego incorpora o achado do documento orixinal más antigo escrito en galego e en Galicia. Trátase do Foro do bo burgo do Castro Caldelas , outorgado por Alfonso IX en abril de 1228 na vila de Allariz. Está, catalogado e perfectamente conservado, no Archivo dos Duques de Alba no palacio de Lira de Madrid, dentro do fondo de Lemos. O certo é que o texto era coñecido polos investigadores e estudosos, pero pensaban que se trataba da versión en galego primitivo do Foro do bo burgo de Castro Caldelas , escrito en latín e dado en 1172 polo rei Fernando II de León. Pero trátase da ratificación daquel foro, con cambios mínimos de contido, escrito directamente en galego polo notario municipal de Allariz durante a estadía de varias semanas naquela vila ourensá do Rei Alfonso IX. O lingüista Henrique Monteagudo, coordinador da sección de Lingua e secretario do Consello da Cultura Galega, foi quen deu co documento cando buscaba documentación para un traballo que lle encargaron para o simposio que organiza o ILG sobre A emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media , que se vai desenvolver no mes de novembro. Segundo Monteagudo, que onte deu a coñecer o achádego no Consello da Cultura en compañía do presidente da institución, Alfonso Zulueta, da directora do ILG, Rosario Álvarez, e da coordinadora do simposio, Ana Boullón, «todos sabían do documento, pero ninguén fora velo». Henrique Monteagudo sospeitou da existencia do orixinal repasando un inventario publicado en 1896 que fixo a duquesa de Alba do seu arquivo. Ademais de reproducir o documento, descríbeo dicindo que entre a primeira e a segunda columnas dos confirmantes (relación de testemuñas que asinaban estes documentos) está o selo real: un león inscrito nunha roda, que é o distintivo dos chamados «privilexios rodados». Aquilo non podía aparecer nunha versión. Daquel inventario tirou o historiador Martínez Salazar para o libro que publicou en 1911, Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI. El pensaba que era a versión ou copia en romanzo do foro de 1228, un «suposto lóxico», segundo Henrique Monteagudo, «porque o latín era a lingua que se utilizaba na Corte para estes documentos», e cando, como neste caso, afectaban ao pobo, facían una versión na lingua vulgar para facelo comprensible.