Mondoñedo e Ferrol demandan un Día das Letras para os seus poetas

TELEVISIÓN

JOSÉ PARDO

Os departamentos de Cultura de ambos concellos dirixirán unha petición oficial á Academia A Escola Literaria Diocesana mantén unha actividade continuada dende hai dous séculos.

10 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O irmanamento que veñen de asinar as cidades de Ferrol e Mondoñedo, as capitais da Diocese Mindoniense, vai dar un dos seus primeiros froitos, no que ao ámbito cultural respecta, cunha iniciativa destinada a lograr que a Escola Poética do Seminario poida contar, por fin, cun Día das Letras Galegas. Os departamentos de Cultura de ambos concellos volverán solicitar á Academia Galega, pero esta vez de maneira conxunta e coa colaboración de institucións dos dous municipios, que se lle conceda a máxima distinción das letras do país a unha escola literaria da que xurdiron boa parte dos mellores poetas da Galicia do Norte, e que tivo os seus primeiros grandes autores nos chamados Cantores do Nadal , creadores entre os que non se pode deixar de citar a Antón María de Castro e Neira (1771-1826), Luis Corral Rodríguez (1784-1830) e Xacinto Romualdo López (1808-1895). Unha escola, en fin, á que o coengo e vicario xeral da diócese, Félix Villares Mouteira, lle leva dedicado toda unha vida de investigación e estudo, e da que tamén forman parte autores aos que individualmente a Academia xa lles dedicou un Día das Letras -Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912), Noriega Varela (1869-1947), Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961)-, ademais doutros, como Crecente Vega ou Díaz Castro, para os que a mesma distinción se vén solicitando tamén, dende hai anos, continuamente. Con Manuel María O recordado Manuel María, grande coñecedor, como antes Carballo Calero, da Escola Poética do Seminario, deixou escrito de Crecente que «o crego poeta», como el lle chamou, humanizaba todo canto tiña ao seu redor. Algo que tamén se podería dicir, por certo, de Díaz Castro, o autor daqueles versos que din «Galiza en min, meu Deus, pan que me deron...»