O PEN Clube homenaxea a Nélida Piñón, Esther Vázquez e Díaz Pardo

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Os tres intelectuais serán nomeados membros de honra da entidade O colectivo suma 69 escritores coa incorporación este ano de 11 novos autores galegos

21 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O PEN Clube de Galicia recoñecerá a traxectoria de tres intelectuais de Galicia ou moi vinculados á cultura galega. Trátase do empresario de Sargadelos Isaac Díaz Pardo, a autora brasileira de ascendencia galega Nélida Piñón e María Esther Vázquez, secretaria e biógrafa de Jorge Luis Borges. A entidade que preside Luís González Tosar nomeará aos tres membros de honra, o que supón unha homenaxe a tres vidas dedicadas ao espallamento da cultura. O PEN galego incorporará tamén a 11 novos membros, o que eleva a 69 o número de escritores que forman parte da entidade. Os autores que entran no colectivo son Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Luís Axeitos, Tucho Calvo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xesús Fraga, Manuel Guede Oliva, Xosé Miranda, Víctor Campio Pereira, María do Cebreiro, María Xosé Queizán e Pura Vázquez. Xeracións e estilos Deste xeito, o PEN Clube amplía non só a súa nómina de autores, senón que reforza a diversidade de xeracións e estilos que conviven dentro da asociación de escritores. A poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio son catro dos xéneros que están representados no PEN Clube. O ingreso dos novos membros celebrarase na primeira semana de novembro, no transcurso da entrega do segundo Premio PEN Clube, que homenaxea a un compoñente do colectivo.