O PEN galego organiza un encontro de escritores iberoamericanos

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

30 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?aixo o lema Galicia e Iberoamérica, o a sección galega do PEN Club celebrará entre os días 12 e 15 deste mes un encontro de escritores en Santiago de Compostela. Autores das literaturas ibéricas, hispanoamericanas e brasileira falarán das súas orixes galegas ou da presenza de Galicia nas súas obras. Luís González Tosar, presidente do PEN galego, explica a filosofía da cita: «É a primeira vez que facemos este encontro, que non queremos que sexa unha xuntanza académica ou un congreso máis, senón un espazo común, a literatura galega, que actúe como anfitrioa e que se dea a coñecer a través dos convidados». Participarán escritores como Nélida Piñón, Horacio Vázquez Rial, Marcos Ricardo Barnatán, Napoleón Baccino Ponce de León ou Aurora Bernárdez, tradutora e viúva de Cortázar, entre outros. Por parte de Galicia estarán Manuel Rivas, Basilio Losada, Tucho Calvo, Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre, Xesús Fraga, Xavier Alcalá e Víctor F. Freixanes, entre outros. Haberá autores de Uruguai, Brasil, Panamá, Venezuela ou Angola. O encontro conta co apoio da Consellería de Cultura e ademais as actividades, no hotel AC Palacio do Carme de Santiago, estarán abertas ao público.