Cultura convoca a trinta persoas para crear a mesa sectorial do libro galego

La Voz

TELEVISIÓN

Na reunión participarán representantes dos escritores, tradutores, editores e libreiros de Galicia O órgano será o primeiro paso para a redacción da lei que regule o sector.

03 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A directora xeral de Promoción Cultural, María del Carmen García Campelo, anunciou a posta en marcha da mesa sectorial do libro, que terá como acto fundacional unha reunión a celebrar o vindeiro día 9, mércores, en Compostela. García Campelo fixo pública esta convocatoria na apertura dos primeiros Diálogos literarios de Mariñán, organizados pola Fundación Carlos Casares e iniciados onte no pazo coruñés. A mesa do libro é o primeiro paso dunha serie de accións que deberán rematar na anunciada lei do libro galego. A directora explicou que a esta primeira reunión están convidadas arredor de trintas persoas que representan aos sectores implicados no libro: escritores, tradutores, editores, imprentas, distribuidores e libreiros, entre outros. Da primeira asemblea da mesa do libro deberían saír as comisión encargadas de facer un diagnóstico sobre a situación do libro galego. Despois da diagnose, da mesa dependerá tamén contribuír aos argumentos para o futuro texto legal que regule o libro en Galicia. Charlas no pazo Tomando como referencia os encontros que anualmente se celebran en Verines e nos que tantas veces participou Casares, a fundación que leva o seu nome celebra, desde onte e ata mañá, unha serie de diálogos entre escritores para debater aspectos que, segundo a presidenta da fundación, Christina Berg, «sirvan para conectar a nosa cultura co resto do mundo». Bernardo Atxaga e Manuel Rivas falarán hoxe de escritores e patrias e Nélida Piñón e Luis González Tosar, dialogará sobre literatura e memoria, moderados por Antón Riveiro Coello e Xavier Alcalá. Mañá, Luis Suñén e Darío Villanueva volverán sobre o futuro da literatura no tempo da cultura virtual.