«Hai que publicar en galego a mellor literatura mundial»

TELEVISIÓN

ÓSCAR VÁZQUEZ

Profesora no Centro de Linguas Modernas de Santiago, vén de traducir ao galego «Crime e castigo», de Fiodor Dostoievski, un texto fundamental das letras universais.

06 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Ekaterina Guerbek naceu en Rusia en 1965, cando a súa cidade, dostoievskiana coma ningunha outra, aínda aparecía nos mapas co nome de Leningrado. Visitou Galicia por primeira vez a mediados dos anos noventa, cando estivo vencellada ao Centro Ramón Piñeiro a través dun convenio promovido pola universidade de San Petersburgo. E agora vive en Santiago, onde exerce a docencia no Centro de Linguas Modernas. Galaxia acaba de publicar a súa tradución de Crime e castigo , quizais o mellor de canto escribiu Dostoievski. Un texto máis que clásico, fundamental. -O de que a súa é unha magnífica traducción, parece terse convertido xa nunha opinión unánime... -¿Unha magnífica tradución...? Non sei, non o sei. Eu non o creo.... O que é magnífico é Dostoievski. -¿De onde lle vén o seu dominio do galego? -O primeiro contacto foi xa no meu país, durante un seminario coordinado por Boris Narumov no Centro de Estudios Galegos creado por Elena Zernova. E o galego xa foi unha das linguas ás que eu fixen referencia na miña tese de doutoramento, que ela dirixiu. -Acaba de traducir unha das mellores voces da literatura de todos os tempos... -Creo que é importante que Galicia poida ler na súa propia lingua o mellor de canto se escribiu no mundo, do que se fixo sempre. Porque é obvio que os galegos, por poñer un exemplo, xa coñecían a obra de Dostoievski, que a leran en castelán, pero nunca será o mesmo. A literatura de Dostoievski, a unha lingua, dálle vida, axúdalle a existir. Hai que publicar en galego a mellor literatura mundial. -¿E até que punto cre que a existencia da lingua galega está en perigo? ¿Cal é a súa opinión, dende a perspectiva que aporta vir dunha cultura e dun idioma tan distintos? -Mire, eu non podo ver iso igual que o ve alguén de aquí, porque non son galega. Pero non teño a sensación de que o galego sexa unha lingua que está en risco de desaparecer. -¿Non? -Non, porque é unha lingua que a min me falan pola rúa, o idioma no que eu me comunico coa xente, e no que me gusta que me contesten... Un idioma moi bonito. Outra cousa é que teña problemas, como o da normativización. Chegar a un acordo sobre a lingua é moi importante. -Pero agora por fin hai un consenso... -Si, agora xa hai unha nova normativa ortográfica. E que haxa unha norma, unha norma para todos, é moi importante para a lingua. Moito. -¿Que dificultades entraña trasladar a unha realidade coma a nosa o mundo de Dostoievski, manterse fiel ao autor a través de linguas tan distantes? -Nunca é posible trasladar integramente o universo do autor a un idioma novo. E penso que iso temos que recoñecelo. En realidade, podes aproximarte ao universo dun escritor, pero nunca chegar a el completamente, porque cada lector ten a súa propia visión do libro. ¡E iso pasa tanto en galego coma en ruso...!