Falece na Coruña aos 46 anos a escritora e profesora Luísa Villalta

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

06 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A escritora e profesora Luísa Villalta faleceu onte na Coruña aos 46 anos a causa dun paro cardíaco. Coñecida sobre todo pola súa producción poética, a perda de Villalta é un duro golpe para a lírica galega, despois do pasamento da tamén poetisa Xela Arias o pasado 2 de novembro. A noticia da desaparición de Luís Villalta deixouse notar de inmediato no mundo da cultura. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, en cuxa directiva a autora participou activamente, suspendeu a súa asemblea no Museo do Pobo Galego en Santiago. Do mesmo xeito, a asociación Amigos de Oleiros tiña previsto onte mesmo entregarlle unha escultura como pequena homenaxe, no marco da inauguración dunha mostra colectiva de artistas femininas. O Concello de Pontevedra tamén expresou o seu pesar pola perda da autora á que elixiran este ano para abrir o programa cultural Abril dos libros. Luísa Villalta foi autora de textos poéticos como Música reservada, Ruído e Rota ao interior do ollo . Ademais, escribiu para teatro e ensaios como o que dedicou ao Don Hamlet de Álvaro Cunqueiro ou ás relacións entre a música e a poesía, das que era unha firme defensora. Titulada en violino, impartía clases no instituto da localidade coruñesa de Sada. O último libro de Luísa Villalta permanece inédito. Cun poemario titulado En concreto gañou o premio Espiral Maior na súa última convocatoria. Trátase dunha obra na que a escritora reflexiona sobre a súa relación coa cidade, personalizada na Coruña. O editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, amosouse onte moi afectado pola morte da escritora. O enterro de Luísa Villalta será mañá á unha no cemiterio de San Amaro, na Coruña, e o funeral, ás 20.30, en San Pedro de Mezonzo.