Del Riego conta nas súas memorias a historia do galeguismo no século XX

Camilo Franco VIGO

TELEVISIÓN

A Editorial Galaxia rende homenaxe ó escritor coa edición do libro «Camiño andado» O volume repasa setenta anos de intensa actividade política e cultural

22 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Detrás das súas lentes cadradas, baixo a intensa cabaleira branca, Francisco Fernández del Riego conserva a memoria dun país en construcción. Esa memoria lúcida, detallada, recibiu onte a homenaxe de Galaxia na presentación do libro Camiño andado , volume memorístico no que, a través dos ollos de Del Riego, pode o lector asistir á incesante e teimuda construcción dun país e da súa cultura. A pesar de ser iso que antes se chamaba home de letras, Fernández del Riego non abusa dos discursos: é sintético e quizais por iso explica que as súas memorias teñen valor en tanto en canto el foi testemuña, e tamén parte, duns acontecementos históricos. Explicouno onte así na Fundación Penzol, en Vigo, engadindo que a súa intención con este libro non foi tanto facer memoria súa como facer crónica dun tempo. Camiño andado é o reconto de setenta anos de actividade, como subliñou Franco Grande na presentación, «logo se di que son setenta anos, pero son anos de moita importancia: os anos de reconstrucción do galeguismo durante o franquismo ou os anos da Fundación de Galaxia». A vocación de cronista déixase sentir no libro porque Del Riego repara moito máis nos acontecementos da vertixe e da resistencia do galeguismo que nos asuntos particulares. Non hai neste libro grandes concesións á vida particular do seu autor. Del Riego insiste: «Só tiñamos un obxectivo, que o nome de Galicia tivese prestixio». Xaime Illa, (ía dicir compañeiro de aventuras pero a historia de Galicia non é un cómic de Roberto Alcázar), advirte do sorprendente que é a actividade de Del Riego: «Ten unha vitalidade excepcional e mesmo agora, cando podía descansar segue coa súa disciplina de traballo». Illa considera que, xusto agora, «é cando Del Riego está facendo a súa verdadeira obra, agora que xa descansa de tantos labores para o país». O escritor indicou que «Del Riego estivo en moitas das cousas que se fixeron no país e puxo máis atención en facelas que en atender que significaban para el». Xaime Illa lembrou tamén como era Del Riego na década na que se coñeceron: «Eu era un pouco máis mozo ca el, así que para os que aínda estabamos no bacharelato, Paco del Riego era un líder, un guía». A outra perspectiva que tamén explicou Xaime era a que podían ter os galeguistas máis vellos «creo que o miraban como un delfín, especialmente Otero Pedrayo». O libro ten, pola banda dos persoeiros outro atractivo. Mentres conta as distitas vicisitudes do galeguismo, Del Riego vai facendo retratos dos principais persoeiros de cada época, de Castelao a Otero, pasando por Risco e Bóveda, un retrato completo para a galería dos país.