Xesús Fraga gaña o premio Cidade de Ferrol de narración en galego

Rubén Santamarta Vicente
R. Santamarta FERROL

TELEVISIÓN

O xurado valorou o «oficio e estilo fluído» da novela «Solimán» O coruñés Manuel Riveiro obtén o galardón en castelán con «Septiembre, octubre»

22 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Un tipo de veleno chamado Solimán acabou coa vida do primeiro protagonista do drama Os vellos non deben de namorarse . Dicía Castelao no prólogo daquela obra que había que coleccionar amores para non arrepentirse na vellez. Iso mismo, coleccionar amores, fai o protagonista de Solimán , obra do escritor e xornalista Xesús Fraga (Londres, 1971) que acaba de gañar o premio en galego do certame literario Rubia Barcia-Cidade de Ferrol. Baixo o seudónimo Remugran (homenaxe velado ás historias de Sherlock Holmes, un dos seus personaxes favoritos), o narrador afincado en Betanzos acadou o máximo recoñecemento do xurado por unha novela que, explicaron, «demostra o oficio dun autor que se vai consolidando». O responsables do certame alabaron, igualmente, a «soltura e estilo fluído» dun traballo que, confesaba onte Fraga, escribiu en tres semanas «e no segundo intento». Hai certa autobiografía en Solimán -paisaxes, pasaxes e incluso nomes- pero, sobre todo, unha apaixonada historia de amores e amizades os que volven despois de ducias de anos e que revelan a distancia enorme entre persoas que comparten xogos, confidencias e primeiras riñas infantís. E cun fío conductor: o teatro, o drama de Castelao. O Cidade de Ferrol contou na súa fase final cunhas quince obras, tanto en galego como en castelán. O premio nese segundo idioma foi para o coruñés Manuel Riveiro Loureiro con Septiembre, octubre , unha intensa obra ambientada trinta anos atrás, nun 11-S tráxico na chilena Casa da Moeda. A trama Desvela Riveiro nesa novela «varios aspectos descoñecidos sobre Allende e Pinochet», segundo explicou o xurado, e aporta, ademais, un «interesante punto de vista sobre o que pensan agora os chilenos sobre España». Xesús Fraga e Riveiro recibirán 2.000 euros e a entrega oficiarase, previsiblemente, en xaneiro. O Liceo Rubia Barcia -organizador do encontro e do certame xunto ó Concello de Ferrol- intentará agora a publicación dos traballos.