A Fundación Carlos Casares pon en marcha o foro Encontros no Atlántico

La Voz C. F. | VIGO

TELEVISIÓN

A cita bianual pretende recoller o espírito de diálogo e debate do escritor ourensán A primeira edición comenzará o martes en Mondariz Balneario e durará unha semana

19 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Catro días para seguir o espírito de Carlos Casares e debater as actualidades do mundo. A primeira edición de Encontros no Atlántico comezará de xeito efectivo o próximo martes para falar en Mondariz Balneario de Culturas, civilizacións e sociedade global . Baixo este título xenérico ofreceranse cinco foros e unha conferencia, tendo como invitados a Darío Valcárcel, Gema Martín Muñoz, Darío Villanueva, Eugenio Trías, Josep Borrel e Fernando Savater. O director da Fundación Carlos Casares presentou onte esta primeira edición dun foro que será bianual e que, segundo explicou Damián Villalaín, «recolle o talante de Casares: plural, aberto, interesado en temas diversos do mundo de hoxe». Villalaín indicou que a intención deste foro é provocar o debate nun ambiente máis informal que un congreso ou que un ciclo de conferencias. A Fundación Carlos Casares ten invitado a participar a este foro a integrantes do mundo cultural, político e social de Galicia, para intervir nas sesións. Deste xeito, cada conferenciante dirixirá o debate, que contará coa participación dos invitados. A intención final é editar un libro que recolla os relatorios e o contido dos debates. O xornalista Darío Valcárcel falará sobre o panorama das relacións internacionais despois de Iraq; o debate que dirixirá Gema Martín Muñoz terá como argumento o islamismo e a secularización, os dous o martes. Josep Borrell falará no salón de actos do Hotel Meliá Balneario Mondariz sobre Europa na sociedade global. O mércores, Darío Villanueva repasará a relación entre literaturas e civilizacións. O xoves será día para os filósofos. De mañá, Fernando Savater falará dos dereitos universais e a natureza humana. De tarde, Eugenio Trías abordará a relación entre filosofía e relixión neste século.