Francisco Pillado publica en Espiral Maior «Fígaro ou a inútil precaución»

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

27 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? editorial Espiral Maior vén de publicar os tres primeiros títulos da súa nova colección de teatro. Un dos volumes é o de Francisco Pillado (A Coruña, 1941) Fígaro ou a inútil precaución, unha obra que foi estreada no teatro Rosalía de Castro da Coruña, o día 17 de novembro de 1997 pola compañía Librescena. Esta peza está baseada en O barbeiro de Sevilla pero o crítico Xesús González Gómez escribe no prólogo o seguinte:«Cando o lector escoite falar a Fígaro, ou a Rosa, ou ao conde Almaviva, ou a calquera dos personaxes, ben que saiba que o escenario se sitúa na Sevilla do século XVIII, pareceralle que está a escoitar falar a un labrego, a un siareiro nun bar, nunha taberna de calquera aldea, vila ou cidade da Galiza. Se ben esta peza é orixinal de Pierre Augustín Caron de Beaumarchais resultou ser unha obra do 'dramaturgo' Francisco Pillado». Este autor é un dos máximos especialistas na historiografía do teatro galego, un dinamizador de múltiples iniciativas culturais e actualmente dirixe Edicións Laiovento. Indica González que Pillado conserva os catro actos da obra orixinal -«lembremos que na súa primeira representación eran cinco, e que debido ao fracaso foi retocada por Beaumarchais eliminando un acto; a seguinte representación foi todo un éxito»- e, aínda que elimina algúns elementos que «en modo algún se poden considerar superfluos, o certo é que Pillado mantén a modernidade da obra, e mesmo estamos dispostos a afirmar que lle engade un plus ». Outra das moitas cuestións que explica Xesús González é que «a lingua empregada por Pillado non desmerece nada do orixinal» e neste senso apunta a un texto escrito nunha linguaxe «brillante, mais sempre simple e rápida, axeitada tanto ao tempo que adoita darse no gran teatro -e na grande comedia americana- como ao sentido agudo, incisivo, insolente, nervioso do diálogo». Lourenzo e Ruibal A nova colección de teatro de Espiral Maior tamén publica textos doutros dous importantes dramaturgos galegos como son Manuel Lourenzo e Euloxio R. Ruibal. Este último asina o volume Xogo de máscaras. Escritos sobre o teatro galego no que analiza desde a arte escenográfica de Camilo Díaz Baliño ata o teatro de Carvallo Calero, pasando pola tradición de Os vellos non deben de namorarse, o humorismo e identidade de A fiestra valdeira , o achegamento o teatro de Luís Seoane ou a plasticidade no teatro de Castelao. En canto ó libro de Manuel Lourenzo recolle dous textos deste dramaturgo, A larva furiosa e Adeus, Madelón ; o primeiro deles fora estreado en 1985 pola Compañía Luís Seoane, en coproducción co Centro Dramático Galego, baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón. O argumento finca a súa raíz no despertar da democracia e alerta sobre o feito de que as institucións políticas se convertan en patronal da cultura, «un feito historicamente constatado e que rebaixa o feito teatral á condición de fútil ornamento», pode lerse no libro. A segunda obra trata da manipulación que un forte consorcio informativo fai dun caso criminal, seguindo os pasos dun caso real que fora famoso a finais dos oitenta, cando foi representado o texto, nunha producción da Escola Dramática Galega que foi dirixida polo propio Manuel Lourenzo.