Xosé Antonio Perozo gaña o terceiro Premio de Novela por Entregas de La Voz
TELEVISIÓN
A obra, que se publicará durante o mes de agosto no xornal, presentouse co lema «Caderno de Riparia» O xurado valorou «a fluidez da narración e a precisión da lingua»
21 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Caderno de Riparia . Este é o lema da obra coa que Xosé Antonio Perozo (Llerena-Badaxoz, 1951) gañou na noite de onte a terceira edición do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. O xurado valorou especialmente «a fluidez da narración e a precisión da lingua», explicou a súa secretaria, Camino Noia Campos, dando lectura a acta. Tamén salientou o xurado na súa decisión «a técnica de conxugar dous asuntos nos que se integran acontecementos da historia recente de Galicia», que presenta a obra de Perozo. Esta novela publicarase en 31 capítulos durante todo o mes de agosto neste xornal e tamén poderá lerse na páxina web do periódico. Amor e misterio Perozo «mestura os misterios da vida nunha illa, que é Riparia, con unha historia de amor, xoga co presente e o pasado e tamén relata unha escura historia de políticos que pasa na illa e que parte da Guerra Civil», explicou un dos membros do xurado. Tamén indicou que aínda que había bastante acordo, «votaronse as tres novelas finalistas e a decisióin tomouse por maioría». Miguel Suárez Abel, gañador da edición do ano pasado con O repenique de Beatriz Goldar, foi un dos membros do xurado, xunto con Xosé Luis Vilela Conde, Ernesto Sánchez Pombo e José Benito Calvo Rego. A entrega do premio, dotaco con 6.000 euros, tivo lugar no Museo de La Voz de Galicia e o acto asistiu unha ampla representación do mundo cultural galego e distintas autoridades, entre elas o Conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela. O departamento de Cultura da Xunta é unha das institucións que xunto con Ámbito Cultural, de El Corte Inglés, Canal Voz e a editorial Sotelo Blanco colaboran na organización deste premio anual.