Grial recolle o espírito da tradición para pensar o mundo desde Galicia

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

A revista busca nos novos contidos un discurso propio do século XXI O segundo número desta terceira etapa está dedicado á guerra e á civilización

17 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Continuidade e renovación. Continuidade do espírito e renovación dos contidos e do xeito de presentalos. É a nova arquitectura da revista Grial , que onte presentou en Santiago o segundo novo da súa recén iniciada terceira etapa. Para os codirectores da revista que publica dende hai corenta anos a editorial Galaxia, Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo, «os compromisos que Grial adquiriu cando foi fundada hai catro décadas seguen vixentes, pero somos conscientes de que hai uns modelos para cada época». Freixanes considera que esta nova etapa da revista «responde á intención dos fundadores porque segue querendo ser un foro de debate e un diálogo coa modernidade». Para o presente, asegura o escritor e director xeral de Galaxia «ofrecemos unha revista cunha concepción aberta, multidiscipinar e que quere ter un discurso do século XXI, no que están moi presente o humanismo e a democracia». No mesmo sentido, expresouse Henrique Monteagudo ó asegurar que Grial «liberouse de certa perspectiva académica para achegarse doutro xeito ós asuntos que preocupan». O filólogo considera tamén que «existe unha maneira galega de ver os asuntos do mundo e Grial quere construír esa perspectiva, tendo en conta que temos en Galicia capital humano e intelectual para facelo». Xaime Isla Couto, fundador da revista, explicou que a revista «pode xogar un papel complementario ó dos xornais, propiciando a reflexión». Couto explicou tamén que o nome de Grial segue sendo válido e representativo para a publicación porque « Grial é un mito universal e poética que exemplifica a busca do futuro, que é tarefa que a revista sempre quixo desenvolver para Galicia desde o seu nacemento»