Xurxo Lobato realiza dende o aire unha radiografía de Galicia no novo milenio

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

XOÁN A. SOLER

A exposición e o libro «Camiños celestes» presentouse en Compostela Unha amplísima colección de fotos aéreas de gran formato compoñen o «retrato» do país

26 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Peter Pan podía voar para ver o seu país de nunca máis. A fantasía infantil permanece nos adultos, pero non é algo que se poida cumprir a vontade. Xurxo Lobato cumpriu unha parte desa fantasía coa exposición presentada na tarde de onte na Fundación Caixa Galicia, en Compostela. é o título da mostra que ofrece a singular «radiografía dun país no comezo dun milenio». Esa era a intención do fotógrafo cando comezou este proxecto, para dar testemuña do país, dos prados, dos ríos, das arboredas, pero tamén das cidades e as industrias. Un retrato amplo da xeografía do país «con todo o patrimonio que hai e que temos que deixar en herdo», segundo explicou Lobato citando a un dos autores do catálogo, Miguel Anxo Seixas. No mesmo acto presentáronse as diversas facetas do proxecto. Unha exposición con seu correspondente catálogo que, tras a estrea en Compostela, itinerará por Galicia. Tamén serviu o acto para presentar un libro que, con máis amplitude, pero coa mesma filosofía, quere explicar desde o aire «unha realidade de Galicia en positivo». No libro editado por Lunwerg editores, acompañando ás fotos ofrécense textos de autores como Víctor Freixanes ou Xosé Ramón Barreiro, entre outros. Lobato explicou que, unha vez en marcha o proxecto «tivo lugar a catástrofe do Prestige e por eso fixemos na mostra e no catálogo unha sección especial, para que cousas como estas non volvan a pasar nunca máis». O director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, explicou na presentación da mostra que as fotografías de Lobato «señalan cuál es el patrimonio de Galicia» añadiendo que «es necesario que economía y ecología sean variables que viajen juntas». A exposición, o libro e o catálogo recollen un amplísimo abano de fotografías de espacios galegos que, segundo explica Miguel Anxo Seixas, «serve tamén para dar un repaso á historia de Galicia en moitas dimensións».