A Biblioteca Galega 120 recibe o Premio da Crítica de Iniciativas Culturais

TELEVISIÓN

ÓSCAR VÁZQUEZ

O xurado destacou a promoción da literatura de Galicia entre o gran público cunha colección que marcou un fito -A plataforma Nunca Máis tamén acadou unha mención especial

10 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A iniciativa cultural desenvolvida polo xornal La Voz de Galicia coa edición da colección Biblioteca Galega 120, foi galardoada onte na vixésimo sexta edición dos Premios da Crítica Galicia. A cerimonia celebrada onte no teatro do Centro Cultural Caixanova de Vigo congregou a destacados persoeiros do mundo da cultura, as artes e as letras galegas neste certame de grande prestixio que renova cada ano a composición do xurado de cada unha das seis categorías que contempla. O xurado acordou premiar á Biblioteca Galega 120 pola «popularización e promoción da cultura galega e o espallamento da literatura galega entre o gran público, marcando un fito histórico na edición e vendas do libro en galego». Éxito sen precedentes O proxecto de La Voz marcou, de feito, un éxito sen precedentes no ámbito das letras galegas que foi acollido con agarimo nos fogares galegos como o demostran os cinco millóns de exemplares que foron distribuídos entre os lectores cun prezo simbólico. A Biblioteca 120, que tamén foi galardoada o ano pasado co Premio Xerais á Iniciativa Cultural, editou obras de 119 autores galegos máis dous volumes nos que se recollen os artigos e as entrevistas ós escritores vivos que foron publicándose no xornal periodicamente. Os Premios da Crítica tamén se fixeron eco da dinamización artística e cultural que desenvolveu a plataforma Nunca Máis no colectivo Burla Negra , á que se fixo unha mención especial. O xurado no apartado de Iniciativas Culturais foi presidido por Xosé Benito Reza en representación dos Pobos do Couto Mixto, gañadores da anterior edición, e estivo composto pola editora Fabiola Sotelo, o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, a escritora Yolanda Castaño, o director do Proxecto Home, Ramón Gómez, e os profesores Fernando Cuñarro e Manuel Roca. Os Premios da Crítica de Galicia naceron en 1977 en Vigo, impulsados por Bieito Ledo e Xosé González Martínez e a iniciativa do Círculo Ourensán-Vigués, para significar o labor daquelas persoas, empresas e institucións que destacaron polo seu labor a prol da normalización lingüística e cultural do país. A constitución da Fundación Premios da Crítica de Galicia e a ampliación do número de modalidades foron algúns dos acontecementos máis sobranceiros rexistrados nos seus vinteseis anos de historia. Xosé González e Bieito Ledo son os actuais presidente e vicepresidente da entidade.