Un libro lembra a figura do cura das Encrobas, morto hai dez anos

Rodri García A CORUÑA

TELEVISIÓN

XOSÉ CASTRO

A vida de Moncho Valcarce estivo vinculada ás principais loitas sociais de Galicia A portada da obra podería situar o loitador como un moderno Che Guevara galego

12 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

As Encrobras é un referente nos conflictos sociais galegos. O mesmo que Xove, onde tivo lugar a primeira manifestación ecoloxista de Galicia cando o nuclear ameazou con instalarse neste concello lucense. Son só dúas das loitas nas que estivo Moncho Valcarce (A Coruña, 1935-1993). Cando xa pasaron dez anos da súa morte, un libro de Brais do Castro, Moncho Valcarce. O cura das Encrobras (Editorial Novos Vieiros) lembra a figura deste home. Manuel María escribe no epílogo desta obra que Valcarce «converteuse nunha figura de primeira orde da auténtica Historia de Galiza desta segunda metade do século XX, sendo o seu labor un alicerce firme e claro para construír o noso futuro de pobo normal e normalizado». O libro de Brais do Castro, que curiosamente arrinca coa morte e o enterro de Moncho Valcarce, recolle un feixe de testemuñas de xentes que conviviron con el ou o coñeceron. Entre eles está o reporteiro gráfico Lois Vilar que relata: «Moncho dicíame que estaba encantado de ser utilizado polo Bloque, quería que o utilizasen porque cría no Bloque, por iso era do Bloque». Fotos de Xosé Castro Dividido en 18 capítulos, o libro vai contando a vida de Valcarce xunto con testemuñas de alcaldes como os de Fene, Xosé María Riveira Arnoso, Culleredo, Xulio Sacristán, ou Corcubión, Rafael Mouzo, do actual bispo de Bilbao, Ricardo Blázquez, e o crego Manuel Espiña, o sindicalista Fernando Solla ou o fotógrafo de La Voz de Galicia Xosé Castro, autor das inesquecibles imaxes da carga da Garda Civil contra os veciños das Encrobas. Xosé Castro lembra, segundo pode lerse no libro, que «o capitán da Garda Civil preguntou que é o que tiñan os veciños nas mans e cando lle dixeron que eran paraguas e pouco máis ordenou descargar as armas». Tamén di que facía as fotos cos brazos en alto: «Nunha destas pareceume percibir a Moncho, coma ó carón, preto do capitán da Garda Civil, e vin cómo lle caía o tricornio, pareceume dun manotazo. Cando tirei a segunda foto xa non vin alí a Moncho», comenta Xosé Castro. Apunta así mesmo que este feito tivo consecuencias, ademais da detención aquel día: «Quizais por iso zoscáronlle despois tanto en Carballo, paréceme que xa lla tiñan xurada». Este foi o conflicto de Baldaio. O volume péchase cun poema de Pilar Pallarés, citado por Manuel María, no que fala de Moncho Valcarce como «Heroe na miña primeira xuventude, / A túa voz abría un vieiro no mar, / faloume dunha terra prometida ou era a dos meus avós, / un soño comunal, / unha raíz que medra silenciosa / para morder un día a luz do sol». O acto de presentación deste libro terá lugar mañá, venres, as sete da tarde, no hotel Crunia, de Culleredo.