O poemario «Arredores»

Delfín Caseiro OURENSE

TELEVISIÓN

XOSÉ CASTRO

O escritor ourensán asegura que a súa vida pode coñecerse a través dos seus libros O poeta ourensán recoñece que os títulos dos poemas deste libro «son un retrato do que vivín» Lecturas cualificadas

01 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

No ano 1962 aparece Arredores , o primeiro poemario galego do autor da Limia. A obra, síntese das dúas primeiras creacións El tren y las cosas (1960) (premio de poesía Marina de Ourense, 1959) e El ladrido (1961), escritas en español, é definidas por Carballo Calero como intensamente rosaliana e recibe gabanzas unánimes. Na Autopoética ou o que sexa que precede a súa Poesía galega completa(1975), Antón Tovar avoga pola transparencia e a comunicabilidade na creación poética. Na súa última e desgarradora produción Cadáver adiado (2001) reafírmase no mesmo: Escribo versos e palabras puras, / quero que a xente entenda a indecisa / voz que me vai e ven clara e concisa / no pumariño das mazás maduras. Voz auténtica e sincera que se fai marabilla expresiva en toda a súa vivencial creación poética e nos emotivos diarios, depositarios das máis profundas confesións. Poesía da intimidade, o último refuxio onde ampararse contra a grande estafa da vida, como el soe manifestar. Son palabras súas: Os títulos son un retrato do que vivín. Quen queira pode coñecer a miña vida a través dos distintos libros. Arredores , encerra toda a diversidade temática do seu universo literario: a anguria existencial, o pesimismo, as dúbidas metafísicas e relixiosas, o nihilismo, a melancolía, a soidade, a resignación, a inquedanza social, o desarraigamento, o mal e o sufrimento, a procura de Deus e a súa posterior negación, o determinismo ou ausencia de liberdade humana, o desexo de ser outro ou outra cousa. No autorretrato verbal Eu confesa: Eu son un home triste / eu son un neno canso. Noutro momento: Eu son como un mediño, espiollándome ó sol / da morte. E máis aínda: diste que agora son, un morto/camiñando. Eu quixera / ser outro.