O Couto Mixto garda o compromiso co galego da Fundación Premios da Crítica

TELEVISIÓN

PILI PROL

Dezasete institucións e 149 persoas, entre elas nove académicos, ratificaron a declaración a prol da lingua Oantigoterritorio independente foi escenario desta reivindicación milenaria.

30 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Houbo un tempo no que nesa mítica fronteira entre Ourense e Portugal existía un territorio independente, unha terra de ninguén que formaban os pobos de Randín, Meaus e Santiago de Rubiás -hoxe endía pertencentes ós municipios de Baltar e Calvos de Randín-. Estaban exentos de tributar e tiñan o seu propio sistema lexislativo, personificado nos representantes de cada pobo, que se xuntaban na bancada de pedra do adro da igrexa de Santiago de Rubiás para decidir en asemblea sobre os asuntos que afectaban a este territorio. Declaración No mesmo escenario que representa o poder do Couto Mixto -e onde se garda a arca con tres chaves na que se atesouran os documentos, obxectos e historias que se van tecendo na recuperación desta vella república dos soños- déronse cita onte os representantes da Fundación Premios da Crítica e da asociación Amigos do Couto Mixto para facer público o seu compromiso co galego e coa defensa desta lingua milenaria. Xesús Ferro Ruibal foi o encargado de dar lectura á «Declaración de Compromiso coa Lingua Galega promovida pola Fundación Premios da Crítica». No documento Falamos unha lingua milenaria faise referencia á independencia e singularidade do galego, a súa historia, á necesidade de asegurar o seu futuro e á aposta de traballar «por riba de ideais políticos e relixiosos para construir a Galicia do século XXI». Asinantes A declaración da Fundación Premios da Crítica é, como se asegurou neste acto de Santiago de Rubiás, de «compromiso coa lingua galega, de fe no seu futuro e de inequívoca afirmación da autonomía do galego fronte ó castelán e ó portugués distanciándose así de todo tipo de lusismo radical ou progresivo e de todo tipo de pesimismo esterilizador». Asinan o documento 17 institucións. Ademais das organizadoras aparecen na relación, entre outras, a Otero Pedrayo, a Lois Peña Novo, o Padroado Rosalía de Castro, Ir Indo ou o Liceo de Ourense. A título persoal asinan a declaración, entre outros, Xesús Alonso Montero, Miguel Anxo Araúxo Iglesias, Manuel Bragado, Alfredo Conde, Xesús Ferro, Olga Gallego, Franco Grande, García Mañá, Constantino García, Manuel González, Luis González Tosar, Isla Couto, Neira Vilas, Helena Villar, Xesús Taboada Cid ou Antón Pulido, entre outros.