Ferrol dedica unha praza a Casares e promete manter vivo o seu legado

TELEVISIÓN

JOSÉ PARDO

A cidade lembrou ó escritor no campus universitario e salientou a súa permanente «entrega a Galicia» O primeiro gran acto público da Fundación reuniu en Esteiro a centos de persoas

09 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Eran as doce da mañá, e chovía no vello barrio ferrolán de Esteiro, cando a viúva de Carlos Casares, Kristina Berg; o alcalde da cidade, Xaime Bello; e o concelleiro de Cultura, Bonifacio Borreiros, inauguraban a praza que levará o nome do autor de Vento ferido . Unha placa de pedra, colocada nunha das fachadas da impoñente Casa do Patín -da monumental construcción que agora, tras a súa restauración, acolle a Biblioteca Universitaria-, lembra, dende onte, a unha figura fundamental do século XX. A un home que, como salientaron Bello e Borreiros, mantivo, ó longo da súa vida, un permanente compromiso con Galicia. Kristina Berg, en calidade de presidenta da Fundación Carlos Casares, agradeceu ós ferroláns o seu afecto á memoria do escritor. E recordou a súa primeira visita á cidade, cando, a pouco de chegar a Galicia, estivo, por primeira vez, en Ferrol. «Unha beleza distinta» «Lembro -relatou Kristina- cando naquela ocasión percorrín esta cidade da man de Ramón Piñeiro e Carlos. Ámbolos dous me trouxeron e levaron polas rúas de Ferrol, unha cidade pola que pronto me sentín atraída». «Coñecera antes -engadiu- outras zonas de Galicia, como Santiago ou as vilas mariñeiras. Pero en Ferrol descubrín unha beleza distinta». O alcalde, Xaime Bello, lembrou, no seu discurso, que Esteiro, o barrio que habitaron os primeiros constructores dos Arsenais -dese legado arquitectónico da Ilustración para o que agora se demanda a calificación de Patrimonio da Humanidade-, tamén é o barrio da universidade, e o lugar no que os ferroláns recordan a Concepción Arenal, a Rubia Barcia, e a quen tan amigo foi de Casares: Torrente Ballester. Borreiros, pola súa banda, salientou os vínculos de Casares con Ferrol, e a entrega e a humanidade dun home que xamais deixou de acudir, coa máxima xenerosidade e desinterese, alá onde o precisaban. Ós actos de Ferrol asistiron, entre outras persoalidades, o presidente de Galaxia, Xaime Isla; o subdirector xeral do Libro, Xavier Senín; os deputados Natividad González Laso e Juan Juncal; o decano do Colexio de Xornalistas, Xosé María Palmeiro; o escritor Tucho Calvo; os profesores Henrique Monteagudo, Manuel Recuero, Armando Requeixo, Ponte Far e Esperanza Piñeiro; e o empresario Ramón Castromil. A cerimonia inaugural culminou coa interpretación, pola Banda de Música de Ferrol, que dirixe Narciso Pillo, do Himno Galego . E o homenaxe ó autor rematou, xa no salón de actos do Rectorado, coa presentación da primeira publicación da Fundación, editada conxuntamente co departamento municipal de Cultura: o libro Carlos Casares, nove retratos e unha conversa inacabada , de Ramón Loureiro.