Manuel Rivas pide un Día das Letras Galegas para Pucho Boedo

Rodri García A CORUÑA

TELEVISIÓN

FIRMA

O escritor presentou a proposta como «unha oportunidade para que as letras bailen e canten» Na solicitude á Academia dise que «foi pioneiro no canto dos poetas galegos»

04 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Rivas pide un Día das Letras Galegas para Pucho Boedo. Presentou a proposta, tamén asinada por Xurxo Souto, na sede da Real Academia Galega, na Coruña. A poucos metros de onde o escritor falaba co presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro, unha figura en pedra lembra a quen foi cantante do grupo Los Tamara. Rivas argumenta no seu escrito, propio dun académico, que Pucho Boedo encarna «o feliz encontro no escenario musical da tradición popular e a literaria, do sentido da festa e da dignidade. Foi un trobeiro do século XX. Foi un galego honesto e un gran artista». Desde a súa figura en pedra na Praza de Azcárraga, Boedo escoita nos últimos veráns, arroupado polas sombras dos magnolios, un dos iconos musicais da súa época, Los Satélites, que actúan nas festas de cidade. Pucho foi, lembra Rivas, «pioneiro no canto dos poetas galegos, aló polos anos corenta do século XX, cando facelo esixía non só interese senón tamén coraxe». Tamén anota que Pucho Boedo «cantou en orquestras, nos palcos de cidades e aldeas, cabo do mar ou terra adentro, en Europa e América, cantou a Rosalía de Castro, a Francisco Añón, a Curros, a Celso Emilio Ferreiro. Fixo deses poemas himnos populares. Tivo coraxe, tivo amor e tivo sentido da beleza». Barreiro recibe con agarimo a Rivas, e o seu texto cargado de literatura: «Tense dito que Galicia foi un país de reis, campesiños e poetas. Quizais houbo un tempo en que algún rei foi campesiño e o campesiño tamén foi poeta. Como algo así sentiu a xente do pobo a Pucho Boedo. Como un rei cantor que entedeu a terra, que fixo dos campos de festa de Galicia, tamén na emigración, un solleiro de vida, alegría, saudade, beleza e namoramento que se expresaba co latexo musical das palabras galegas». Barreiro acolle a proposta con interese polo que supón de novidade, e orixinalidade, á hora de valorar as aportacións a difusión, non só literaria, do idioma galego. A petición queda feita e Rivas marcha lembrando aquela entrevista que lle fixo a Pucho, unha das últimas que concedeu, cando o escritor era un xornalista noviño que levaba un fular no pescozo. Pero isto é parte doutra historia, a que contará o documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo que produce Voz Audiovisual e no que, ademais de Rivas, Julio Iglesias e Miguel Rios falan do cantante.