La Voz entrega «Abellas de ouro», trece retratos literarios de Lesta Meis

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O escritor vencellado á Xeración Nós e ás Irmandades da Fala Despois de traballar nas plantacións de azucre en Cuba, Lesta dedicouse ó xornalismo

29 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Trece retratos literarios, a meirande parte deles de mulleres, compoñen o contido da obra de Xosé Lesta Meis (nacido en Santa María de Oza no ano 1887 e falecido en A Coruña en 1930) que entrega mañá La Voz de Galicia, dentro da colección da Biblioteca Galega 120. Narrador e xornalista, que mantiña unha fonda vinculación cos homes que formaron parte da Xeración Nós, Lesta Meis é un dos narradores máis salientables da promoción de escritores que estiveron relacionados coas Irmandades da Fala. Nun Preludio cordial desta obra, Antón Vilar Ponte escribía que «o autor de Estebo , novela autobiográfica na que se fai con verdadeira escrupulosidade o inventario xeográfico e social dunha bisbarra galega, a de Eirís, veciña da Coruña, agora recolle neste novo volume cadros realistas daquel mesmo lugar onde tivo o berce, a través do seu temperamento romántico, da que a sinxeleza limpa e pura de toda influencia literaria allea dálles un verdadeiro sabor orixinal». Emigrante a Cuba Despois de traballar en labores agrícolas durante toda a súa infancia, Xosé Lesta Meis emigrou a Cuba, onde se preocuparía de procurarse a si mesmo unha sólida formación autodidacta, ao mesmo tempo que se adicaba a traballar nas plantacións de azucre. Lesta Meis deixou esta labor para dedicarse ó xornalismo e, entre 1925 e 1930, escribirá a sección De mi tierra , no xornal da Habana Eco de Galicia e colaborará nas páxinas de A Nosa Terra. Vilar Ponte apunta tamén que estas abellas de ouro están «envoltas en irto verbo prosaico, ispidas de galas retóricas, sen outro ritmo có vital que delas deita son modelo de novas xeórxicas que abenzoaría o mesmo Virxilio».