«A xente da Barreira», a primeira novela galega da posguerra

XOSÉ M. DOBARRO

TELEVISIÓN

O 22 de abril de 1950 reúnese na casa da Conga da Praza da Quintana dos Mortos o xurado encargado de fallar o primeiro concurso de novela de asunto galego convocado pola Editorial dos Bibliófilos Gallegos. A novela gañadora, a única redactada en galego, fou «A xente da Barreira». Lecturas cualificadas

12 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O feito de que fose o gañador non sorprendeu a ninguén, xa que era máis que suficientemente coñecido no mundo das letras galegas pois antes da rebelión militar de 1936 xa dera ó prelo catro poemarios e viña colaborando asiduamente en publicacións periódicas con traballos de diferente fasquía: doctrinarios, poéticos, traduccións, ensaios, reseñas, textos de conferencias... e, tamén, narracións breves. Carballo Calero residía daquela en Ferrol, a súa cidade natal, dedicado á docencia en diferentes centros particulares, por estar inhabilitado para a función pública. Regresara en 1941 despois de facer a guerra como oficial do exército republicano e cumprir dous anos de cadea dos trinta a que fora condenado por conmutación da pena de morte. Cando se convocou o concurso levaba tempo facendo relatos ubicados temporalmente entre a Guerra da Independencia e a I Guerra Mundial e espacialmente nas terras luguesas do séu avó, lugar onde nacera María Ignacia Ramos, súa muller. Alí coñecera uns modos de vida, os da Galicia interior, e escoitara historias sobre as profundas transformacións socio-económicas que motivaran a decadencia da fidalguía, e a súa substitución por unha clase social foránea, a dos comerciantes, en boa parte maragatos que supuxo o tránsito dunha economía autárquica a unha monetarista e a perda da consideración social do idioma. Por mor das bases do concurso deulle unidade ás narraciós beves e xurdiu a novela que ía inaugurar a nosa narrativa de posguerra. A obra, como dí o colofón acabouse de imprentar «o día 7 de xaneiro de 1951, festa de San Xulián, padroeiro de Ferrol», onde o autor e a obra naceron á par.