A entrega dos premios da Crítica convírtese nunha homenaxe a Casares

TELEVISIÓN

Os galardóns, que distinguen o labor en diferentes eidos da cultura galega, celebran este ano a súa vixesimoquinta edición O recente pasamento de Carlos Casares non foi esquecido polos membros da Fundación dos Premios da Crítica de Galicia. Onte, na ceremonia de entrega dos premios celebrada no teatro Caixanova de Vigo, os membros do padroado da fundación distinguiron ó escritor ourensán co título de Galego Egrexio do 2002, e subliñaron a admiración que lles merece a súa adicación a Galicia, «a xenialidade literaria e a súa transcendencia futura». Os premiados nesta edición foron os profesores universitarios Narciso de Gabriel e Olivia Rodríguez, o artista Leopoldo Nóvoa, o gaiteiro Henrique Otero, o poeta Manuel María, e os pobos do Couto Mixto.

04 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A presente edición dos premios da Crítica de Galicia tiña un aire especial. Por unha banda, os prestixiosos galardóns acadan os vintecinco anos de existencia con boa saude. Pola outra, o recente pasamento de Carlos Casares engade certa tristura o mundo da cultura en Galicia. Para lembrar a historia dos premios, os asistentes ó acto poideron ver unha proxección na que se mesturaban as imaxes das diferentes edicións, desde o seu comenzo no ano 1978, e as opinións dos homes e mulleres que fixeron posible a súa existencia. Como en todo acto público da Fundación, non faltaron as voces gravadas de algún dos grandes persoeiros da cultura galega. Onte tocoulle a Álvaro Cunqueiro e a súa afamada frase das mil primaveras para a lingua galega. Aínda que non estaba previsto, Carlos Núñez interpretou co a súa gaita tres pezas que resumen «as tres Galicias». O gaiteiro adicou o seu arte a memoria de Carlos Casares, e as notas ledas e armoniosas afondaron no sentimento dos presentes no acto. Salvo Leopoldo Nóvoa, que atopábase onte en Francia, os galardoados recibiron as estatuillas creadas por Isaac Díaz Pardo. Manuel María, recoñeceu non creer nos premios pero agradeceuno de todos xeitos e rematou cun «terra, a nosa». O acto rematou ca intervención de Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega. O historiador asumiu a tradicional louva ó Galego Egrexio.