Sábato recolleu o premio Rosalía xunto con Felipe Juaristi e Ricard Salvat
Os galardóns do Pen Clube Galego recoñecen a traxectoria literaria dos autores nas súas respectivas linguas As palabras pronunciadas por Ernesto Sábato chegaron ó corazón dos asistentes ó acto de entrega dos premios Rosalía de Castro, malía a que a súa voz fose débil. O escritor arxentino foi o último en recoller o galardón concedido polo Pen Clube de Galicia, unha distinción que compartiu nesta cuarta edición co poeta vasco Felipe Juaristi, co dramaturgo catalán Ricard Salvat, e coa narradora brasileira Nélida Piñón, que non puido asistir á cita por problemas de saúde. Á placa de prata conmemorativa deste premio, sumou Isaac Díaz Pardo o agasallo do busto en cerámica de María Casares deseñado polo artista Luís Seoane.
SANTIAGO
O salón Noble de Fonseca reuniu «nunha festa da palabra», como definiu o acto o seu mantedor, o profesor Alonso Montero, a tres escritores que, máis aló da súa presencia física e da relevancia da súa obra, deron testemuña do seu compromiso coa palabra e coa cultura que unen ó home por riba doutras diferencias. Os tres escritores galardoados tomaron a palabra despois da longa laudatio que adicou a cada un deles o catedrático emérito de Literatura Alonso Montero, e da entrega do galardón. Nesta ocasión non foron meros discursos preparados para a ocasión. Tiveron a Rosalía como denominador común. O Pen Clube de Galicia decidiu, por primeira vez na corta historia dos premios, solicitarlles os galardoados un texto coa súa visión de Rosalía, á que están adicados. O Pen editou estes breves textos nun opúsculo que repartiu entre os asistentes ó acto.Os catro coincidiron en recordar en que momento souberon da existencia de Rosalía ou dos seus versos, e tamén en destacar a grandeza dunha poesía escrita desde o sufrimento e cos que sufren, coa naturaleza como referente e coa grandeza de dignificar á súa lingua e ó seu pobo.Felipe Juaristi, o máis novo dos catro con 45 anos, abriu o turno de intervención. Leu en castelán o que escribiu en euskera e no opúsculo se ofrece en galego. Salvat contaba con máis ventaxas para a comprensión do público na súa lingua catalana. E un Sábato emocionado leu as súas palabras de homenaxe a Rosalía desde o estrado de honra.O acto congregou a preto dun cento de persoas, na meirande parte escritores membros do Pen Clube, editores, profesores, académicos e algúns xóvenes. Entre o público estaba o presidente do Consello da Cultura, Alfonso Zulueta, e a directora xeral de Cultura. No estrado, ademáis do presidente e a secretaria do Pen, Luís Gonzalez Tosar e Helena Villar; o profesor Alonso Montero; o conselleiro de Cultura, Pérez Varela; e o rector compostelano, Darío Villanueva.