La Voz entrega hoxe «A quinta de Saler», de Antón Riveiro Coello

REDACCIÓN A CORUÑA

TELEVISIÓN

15 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Os lectores de La Voz poden conseguir hoxe, por un euro máis o prezo do xornal, a novela A quinta de Saler, de Antón Riveiro Coello, dentro da Biblioteca 120. O libro recrea a historia dun territorio de tintes míticos, o Couto Mixto, ubicada na raia fronteiriza entre Galicia e Portugal. Un editor, Manuel Mouteira, encarga a dous escritores que escriban por encargo unha novela: como nunha partida de xadrez, ambos autores deben escribir un capítulo cada un. Teñen dous condicionantes: o primeiro, deben basear a historia sobre un devanceiro de Mouteira, o liberal Saler; o segundo, non se coñecerán ata que remate a novela. O editor, ademais, ofrécelles un premio de cinco millóns. Os autores, un home e unha muller, empezan a escribir a novela, pero o final do libro será sorprendente. Con A quinta de Saler , Antón Riveiro pon en marcha unha prosa fluída e engaiolante, que atrapa o lector desde a primeira frase e faino devorar as páxinas da historia segundo se suceden os capítulos. Despois desta novela, publicou os libros Animalia, As rulas de Bakunin e Homónima. Ensaio sobre o humor O seguinte libro na Biblioteca 120 é O segredo do humor, unha obra do lugués Celestino Fernández de la Vega (1914-1986). O autor pertence ó grupo de escritores que revitalizaron o ensaio en Galicia nos anos 50 e 60 no campo da filosofía antropolóxica. Fernández de la Vega dedicou estudios a Rosalía, Otero Pedrayo e Pimentel, ademais de traducir ó galego a filósofos como Heidegger.