Antón Riveiro recupera a historia do Couto Mixto en «A Quinta de Saler»

La Voz

TELEVISIÓN

MIGUEL VILLAR

Dous escritores enfrontados, un editor moi peculiar, unha novela conxunta e o Couto Mixto, configuran o universo de «A quinta de Saler», unha novela que, segundo o seu autor, Antón Riveiro, é unha homenaxe á literatura galega. Unha novela que confirma a necesaria literaturización dun engaloiante e atraente motivo como é o do Couto Mixto. Lecturas cualificadas

14 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Segundo adianta o noso reloxo histórico, co tempo todos ímonos decatando da importancia dos devanceiros e do pasado. O avó Fero foi un deses homes que sementaron ben en terra fértil e creativa, nesa mesma terra da que agroman os máis sobranceiros escritores galegos, entre eles Antón Riveiro Coello. Avó e neto construíron no prelo dos sentidos e dos sentimentos, dando lugar á fermosa e ben artellada novela titulada A quinta de Saler. Asemade, ambos foron cómplices, desde a fondura antropolóxica da lareira da casa familiar de Tosende, no rescate do mito esmorecido do Couto Mixto, lugar máis que axeitado para situar as andainas do Liberal de Saler, soñador dun modo de vida comunitaria, un dos plurais fíos da novela. Personaxes engaiolantes Ese Couto Mixto, histórico e literario, é tamén o berce doutros personaxes engaiolantes, como o do Exclaustrado de Diabelle de Méndez Ferrín, ou espacio de encontro de novas iniciativas culturais. Coido que o avó Fero, avó de Antón Riveiro Coello, de vivir, gozaría plenamente ca lectura desta magnífica novela, e se identificaría coas arelas de Toribio Mouteira, na súa teima por facer da aldea de Meaus no val do Salas unha república xusta e comunal, á que o autor, con enorme mestría no dominio narrativo, rescata da memoria histórica, non permitindo o seu esquecemento. Benquerido amigo Antón; se fose quén de preguntarche ónde atopas a inspiración, estou seguro de que a túa resposta sería: -Dalgún lugar do peito. Estas palabras, que ripo da novela A quinta de Saler, dánme a certeza de que tamén o avó Fero segue a morar nalgún lugar do teu corazón.