«Os libros fan sobrevivir ó teatro»

CAMILO FRANCO VILAGARCÍA

TELEVISIÓN

Manuel Lourenzo, dramaturgo, director e actor Non é seguro que Manuel Lourenzo nacera nun teatro, pero todo o demais da súa vida é escenario. Autor, actor, director e todo o que faga falta, Lourenzo vive o teatro desde os diferentes oficios. «Veladas indecentes», o libro que mañá entrega La Voz de Galicia, agrupa tres pezas teatrais con «certo parentesco» pero de procedencias diferentes. O libro foi Premio Nacional de Literatura e esta circunstancia rescatouno dese certo anonimato que padecen os libros de teatro en Galicia. Tres pezas con outras tantas veladas, aproximacións os territorios nocturnos e tamén ó que hai neles de humano e de sobrenatural.

24 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

En moitos sentidos, Veladas indecentes é un libro paradóxico. Un libro premiado co Nacional de Literatura aínda que non o arrastrara ós escenarios como sería de esperar. -¿Cal foi a xénese de «Veladas indecentes»? -Está na primeira das tres veladas que se inclúen no libro: a Velada de Londres. Eu máis que un interesado polo mundo dos vampiros, son un seguidor de Bram Stoker e do seu Drácula. A raíz do primeiro capítulo da novela, que me parece marabilloso, eu pensei no que pasaría cando este procurador regrese a Londres con esa experiencia inusual e volva á súa vida burguesa. Esa é a primeira das tres obras que se agruparon no libro. A segunda ten que ver con algúns exercicios teatrais que fixemos na Coruña e para o que fun escribindo cousas diferentes. Unha parte deses textos acabaron en Cando chegue decembro, seguindo un proceso que igual se parece ó do monstro de Frankenstein. -¿E a terceira? -A terceira, A velada espectral de Mr. Peabody, foi un encargo de Roberto Salgueiro para conmemorar os cincocentos anos da Universidade de Santiago, e por aquela época eu estaba en Vigo preparando Copenhage, de Cid Cabido, e merquei un libro sobre duendes moi bo, moi amplo e quixen eu aproveitar para facer algo teatral. Así que cando Salgueiro me pediu unha peza eu díxenlle que tiña a Velada espectral. Logo, un día que chamou Pancho Pillado para dicirme que tiña que contar cun libro meu en Laiovento eu pensei en xuntar estas tres pezas que teñen relación e así naceu o libro. -Pero o Premio Nacional non foi casualidade. -Foi unha pasada porque foi un premio con moita trascendencia e realmente colleume un pouco de sorpresa. Ademais, froito das miñas dúbidas normativas, o libro estaba cheo de grallas, que tiña que correxir. O libro, como outros, despois de estar unha temporada nas librerías, desapareceu.