'Os escuros soños de Clío', un dos libros dos que máis orgulloso esbaba Carlos Casares

DAMIÁN VILLALAÍN é subdirector da editorial Galaxia SANTIAGO

TELEVISIÓN

NACHO GÓMEZ

«Unhas coñas que me apeteceu escribir». Así explicaba Carlos Casares o contido do libro «Os escuros soños de Clío». Cando Galicia enteiro chora a morte de Casares este libro tenta ser unha homenaxe a súa memoria xa que a mellor lembranza é ler ás súas obras.

17 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Os escuros soños de Clío é un libro cunha significación moi especial para min, pois por el coñecín persoalmente a Carlos Casares. Debín de lelo por primeira vez arredor do ano 1983 ou 1984 e quedei fascinado por aquel libérrimo e brillante exercicio de imaxinación literaria, tan pouco habitual na literatura galega daqueles anos, aínda fortemente apegada ás súas temáticas máis clásicas e a formas expresivas que en non poucos casos supoñían unha flaxelación para o lector e mesmo para o autor. Así que un día no que coincidín con Casares, daquela deputado no Parlamento galego, no xa desaparecido Tamboura santiagués, abordeino e díxenlle o moito que me gustara aquel libro, do que tamén el estaba moi contento. Pouco borgiano Anos despois, falamos varias veces deste asunto e recordo que o divertían moito as especulacións dos críticos, que atopaban nestes relatos inequívocas influencias de Cunqueiro e mesmo de Borges. Esta última, sobre todo, era a que rexeitaba con maior firmeza, pois nunca sentira especial devoción polo escritor porteño, a quen atopaba abstracto e frío, pouco inclinado ó que Camus chamaba «a verdade de ser e de sentir». Tampouco admitía a das Vidas imaxinarias , de Marcel Schwob, hai pouco sinalada con motivo da aparición da sétima edición deste delicado e sinxelo relicario de fermosos contos. O certo é que Casares escribiu este libro sen darlle gran importancia, por pura diversión. E aínda que estaba, como dixen, moi contento del, definíao simplemente como «unhas coñas que me apeteceu escribir». En Os escuros soños de Clío condénsase un retrato literario de Carlos Casares, pero tamén o retrato persoal dun home alegre, culto e degustador das cousas curiosas e dos personaxes pouco convencionais como os que aparecen nestas páxinas. Lelo de novo é como escoitalo nunha das súas máis inesquecibles conversas.