E SE DEUS XOGA AOS DADOS...

La Voz

TELEVISIÓN

13 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Para ler este libro pouco importa se Deus xoga aos dados ou non, aínda que colateralmente sempre pode ser un valor engadido. Seica Einstein morreu xurando que non mentres que os teóricos do Caos teimaban no contrario. Con todo, nesta discusión, agóchase un elemento fundamental deste libro do que o autor sabe tirarlle todo o zume, tal e á inestabilidade e á imprevisibilidade do mundo no que nos movemos e, realmente, este mangado de contos seméllame articularse sobre esta liña argumentativa, baixo unha roupaxe singular como é a da ficción científica. Personaxes dispares A estrea como narrador en volume independente de Lezcano correspóndelle a este Os dados de Deus (1994), un libro poboado por personaxes dispares nos que amalgama ficción ¿ficción futurista¿ con contemporaneidade, e no que ademais quer conciliar, co bo tino, parte da tradición do noso imaxinario simbólico, moi na liña de Vicente ou Antón Risco, con aquel que chanta as bases nos mestres do xénero como Edgar Allan Poe, Kafka ou H. P. Lovecraft. Lezcano transparenta un estilo que opta pola sintetización sen caer no esquematismo ¿moi na xinea dos escritores-xornalistas ou dos xornalistas-escritores, quen o sabe¿, por outorgarlle ás narracións un ritmo áxil, por reasumir trazos da linguaxe cinematográfica ou mesmo polo ricaz xogo suxestivo que ofrece, sempre cunha innegable e vizosa imaxinación que, mesturada con acaídas pinceladas irónicas, retranqueiras se se quer, por veces sarcásticas, lle outorgan unha marca orixinal, o que non é pouco. Se cadra Deus tamén xogou aos dados, e gañou a partida, con este libriño... RAMÓN NICOLÁS é profesor e crítico literario