O Pen Clube galego premia a Sábato, Nélida Piñón, Ricard Salvat e Juaristi

REDACCIÓN SANTIAGO

TELEVISIÓN

22 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O Pen Clube galego acordou distinguir cos Premios Rosalía de Castro do 2002 ós escritores Ernesto Sábato, Nélida Piñón, Ricard Salvat e Felipe Juaristi, elexidos por unanimidade do xurado entre os escritores dos respectivos ámbitos literarios en lingua castelá, portuguesa, catalana e vasca. O presidente e a secretaria do Clube de escritores galegos, Luís González Tosar e Helena Villar Janeiro, deron a coñecer onte o nome dos galardoados desta cuarta edicións dos premios bianuais do Pen, creados en 1996 para premiar a escritores das catro linguas ibéricas, agás a galega. O fallo prodúcese arredor do 24 de febreiro, data na que naceu Rosalía no ano 1837. O xurado estivo formado por Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Bieito Iglesias, Xesús Rábade, Alfredo Conde, Luis González Tosar e Helena Villar, todos eles membros do Pen Clube galego, que tomaron o acordo por unanimidade, aínda que nas propostas presentadas por eles mesmos e outros socios figuraban máis escritores. Estes galardóns, que se entregarán nun acto que terá lugar en Compostela en abril ou maio, non teñen dotación económica. Os premiados reciben unha placa conmemorativa que é diferente en cada edición, pero que mantén o relevo dun Grial. O presidente do Pen galego anunciou que foi acollida unha proposta do profesor Alonso Montero, que consiste en pedirlle a cada un dos escritores distinguidos con estes premios, dedicados á escritora galega máis universal, un texto sobre Rosalía. Dase a circunstancia, como suliñou González Tosar, de que tres dos que o reciben este ano, Sábato, Piñón e Salvat, «son rosaliófonos». Nas anteriores edicións os premios recaeron, entre outros escritores, en José Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, Bernardo Atxaga, Sophia de Melo, Vázquez Montalván, Pere Gimferrer, Ángel Lertxundi e Juan Perucho.