Neiras Vilas: «A Academia, o himno e a bandeira galega naceron na emigración»

RODRI GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

O discurso de ingreso como académico do autor de «Memorias dun neno labrego» tratará da actividade cultural de Bos Aires nos anos 50 «Volta pra terra, emigrante,...». A chamada da cantiga ía para o outro lado do mar, terras alleas de América que acolleron a milleiros de galegos; terras estrañas onde sonou por primeira vez o himno de Pascual Veiga; terras de ventos que facían ondear a que logo sería a bandeira de Galicia; terras cultas nas que naceu a Real Academia Galega. Agora é tempo de retornos e por iso volveu a partitura do himno e volveron as xentes, como Xosé Neira Vilas, un emigrante que vivíu a «época dourada» da cultura galega en Bos Aires, alá polos anos cincuenta, algo do que falará no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

10 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) entra ó próximo sábado na Real Academia Galega para formar parte da institución como membro numerario. O seu discurso de ingreso tratará sobre aquela «época dourada, de extraordinaria acción cultural con conferencias, cursos de historia, representacións teatrais e cantidade de actividades, ademais das emisións radiofónicas» que se deu en Bos Aires na década dos anos cincuenta. Lembra Neira Vilas que «a Academia, o himno e a bandeira galega naceron na emigración», xa que a Real Academia Galega fundouse na Habana, cidade na sonou por primeira vez o himno galego que escribira Pascual Veiga e a que os emigrantes levaron a imaxe da que sería a bandeira Galicia. Azul e branca Na Coruña, a última bandeira que aparecía nos ollos dos que marchaban como emigrantes era a do porto, branca con banda azul, unha enseña que se foi facendo popular e a que Manuel Murguía deu o seu visto bo, facendo chegar a Cuba incluso un debuxo coas medidas da mesma. Todo isto lembra Neira Vilas, que apunta que cando o féretro de Manuel Curros Enríquez chegou a Coruña, en 1908, «xa viña envolto na bandeira galega». O escritor aporta datos que dan unha idea do que os exiliados e emigrantes galegos eran capaces de facer, e fixeron: «En Bos Aires había 400.000 emigrantes galegos, dos que 120.000 eran socios do Centro Galego; había 65 grupos de gaitas, sete bandas de música, 17 coros». A lista segue con grupos de teatro e dez ou doce editoriais. ¿Por que acabou todo aquilo? Apunta Xosé Neira Vilas que «a emigración foi envellecendo, moitos morreron» e as sociedades foron esmorecendo ata quedar en algo casi testimonial. Así rematou aquela «época dourada».