La Voz recupera cunha historia de policías e misterio a tradición da novela por entregas

La Voz

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

Marilar Aleixandre gañou o premio convocado polo xornal coa obra «Unha presa de terra» Alguén atopa o cadáver dunha muller dentro dun ascensor. A detective Ana Candeán ten que facerse cargo do caso non por gusto, senón porque llo pide unha amiga que é ademais, irmá da asasinada. Esta é a trama da historia gañadora do primeiro premio de novela por entregas convocado por La Voz de Galicia, e que os lectores poderán seguir nas páxinas do xornal desde o primeiro de agosto co título «Unha presa de terra». Ata que o xurado abriu a plica, ninguén sabía que o seudónimo misterioso de Estella Jones corresponde a unha das grandes plumas das letras galegas: Marilar Aleixandre, quen promete moita emoción no seu relato.

14 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

NACHO MIRÁS SANTIAGO Trinta e dúas obras presentadas, catro finalistas e un gañador. Ou, mellor, gañadora. La Voz de Galicia, Canal Voz e El Corte Inglés quixeron levar a concurso a novela por entregas que se publicará no xornal a partir do primeiro de agosto. E onte, con Santiago de Compostela de fondo, foi día de desvelar misterios. Presentado polo delegado do Grupo Voz en Santiago, José Luis Pando, o redactor xefe de Accións Especiais do xornal, Tucho Calvo, dixo que o de onte foi un «día importante», por canto se recupera unha das facetas máis interesantes da literatura: «A novela por entregas, que caíra en desuso e que aínda pode darnos moitas alegrías». O relato gañador estará cada día nas mans de 500.000 lectores e será editado dobremente: en formato libro por Ir Indo Edicións e en formato informático na páxina web de La Voz. O xurado deste primeiro premio estivo formado polo profesor Xesús Alonso Montero; o catedrático de Literatura Anxo Tarrío; o profesor Xosé Antonio Ponte Far, que actuou tamén como secretario; o director adxunto do xornal, Xosé Luís Vilela; e o director de Proxectos Editoriais, Ernesto Sánchez Pombo, e o xornalista e escritor Tucho Calvo. Xosé Antonio Ponte Far leu os títulos dos catro finalistas pouco antes de que o xurado se retirase para a deliberación definitiva: Jalisco, Blues da ría, Unha presa de terra e O asasino bífido. O director de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Ramón Pernas, destacou a «sensibilidade» coa que foi feito este proxecto e a emoción de saber quen sería o gañador mantívose ata o final do acto, mentres o dúo de violíns Umberto Cao e Xacobe Lamas relaxaban os ánimos. Logo chegou o momento da verdade. Ponte Far anunciou cal sería a obra que estará nas páxinas do xornal desde o primeiro de agosto e que leva ademais un premio en metálico dun millón de pesetas: Unha presa de terra, presentada baixo o nome de Estella Jones. E, por fin, sóubose quen era a tal Jones: a escritora Marilar Aleixandre, unha das mellores firmas galegas no eido da literatura infantil e xuvenil.