Máis de trinta obras compiten polo premio de novela por entregas de La Voz

REDACCIÓN A CORUÑA

TELEVISIÓN

Na súa primeira edición, é xa un dos concursos que acadou maior número de participantes en Galicia Un total de 32 obras aspiran a converterse na segunda novela por entregas que La Voz publique nas Páxinas Literarias de agosto. Despois da experiencia de «O Xabaril branco» no verán 2000, o periódico convocou un concurso para decidir a novela que ofrecerá o vindeiro mes de agosto a carón dos relatos dos lectores e dos minirrelatos de autores consagrados. A gran resposta dos escritores convirte xa de partida este premio nun dos de maior participación na historia da nosa lingua.

22 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Dotado cun millón de pesetas, ademais da publicación por entregas en La Voz de Galicia e na súa páxina web (www.lavozdegalicia.com), así como posteriormente pola editorial Ir Indo (os dereitos seranlle devengados ó autor nas condicións habituais), este premio garantiza sobre todo a máxima divulgación posible da obra gañadora. A gran participación nesta convocatoria sorprende especialmente ó termos en conta as especiais características da mesma, xa que as novelas participantes debían estar estructuradas forzosamente en 31 capítulos (un para cada día de agosto) e axustarse a 3.500 caracteres cada un. O 15 de xullo, o fallo Das obras presentadas, só unha non se axustaba ás bases. Tódalas demais evidencian que os seus autores elaboraron o seu traballo de pé feito para este certame ou que tiveron en todo caso que esforzarse para adaptar o que xa tiñan. Unha vez pechado o prazo de admisión de traballos -que concluíu o pasado día 10-, ábrese o período de reflexión do xurado que concluirá cando o 15 de xullo sexan dados a coñecer nestas mesmas páxinas a súa composición e o seu fallo. Días antes, informarase dos lemas das novelas que acaden a consideración de finalistas para que os seus autores poidan acudir á festa de entrega do premio, prevista en principio para o día 14. As novelas finalistas deste concurso, que conta co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, serán tamén publicadas nun volume pola editorial Ir Indo, que previamente se poñerá en contacto cos autores para acorda-las condicións en que o levará a cabo.